Vive Nigrán segue aumentando o seu cartel con Shinova e Mounqup

Os vascos Shinova chegarán a Vive Nigrán o 17 de xullo nun concerto enmarcado na Sesión Vibra Mahou, na que participará tamén a artista franco-galega Mounqup nunha actuación vinculada á colaboración establecida entre a cervexeira, a Fundación Paideia Galiza e a Escola de Organización Industrial (EOI) co obxectivo de impulsar o emprendemento entre o talento musical emerxente.

Con estas últimas confirmacións a organización do festival suma novos artistas á edición 2021 de Vive Nigrán, que se celebrará do xoves 15 ao sábado 17 de xullo no campo de fútbol de Monte Lourido, situado a escaso metros de Praia América.

A Sesión Vibra Mahou de Vive Nigrán, un encontro impulsado pola plataforma musical de Mahou Cinco Estrellas na súa aposta por achegar ás persoas a través da música e reivindicar os encontros sociais seguros como algo esencial para vivir mellor, abrirá as súas portas ás 12:00 horas e comezará coa actuación de Mounqup, á que seguirá, a continuación, a banda biscaíña.

As entradas xa están dispoñibles a través da web do Festival e de Ataquilla.com. Os que xa teñan a súa entrada comprada para algúns dos días do festival poderán beneficiarse e asistir a esta sesión a través da compra dun suplemento.