Nova mobilización de pensionistas na Ramallosa

Mañá sábado, día 29 de maio, ás 12:00 horas, Modepen Miñor fai unha concentración na Ramallosa seguindo a convocatoria de mobilizacións de pensionistas en toda España. “A pandemia que estamos padecendo puxo en cuestión o noso dereito á saúde e miles de persoas maiores e pensionistas pagaron coa súa vida a improvisación, os recortes e deficiencias dos Sistemas Públicos de Saúde; mañá recordaremos ás persoas que xa non están con nós e esixiremos garantir o noso dereito e o de toda a cidadanía á saúde; os nosos dereitos como persoas maiores e pensionistas non caducan coa idade, e a exixencia dunha vida digna e saudable forma parte das nosas reivindicacións”, apuntan.

“Coincidimos en exixir que se cumpran as promesas realizadas para garantir pensións e salarios dignos, derrogar os recortes das Reformas de Pensións de 2011 e 2013 e as Reformas Laborais de 2010 e 2012, e asegurar pensións públicas mínimas e salario mínimo suficientes que permitan ás persoas sen distinción de xénero acceder a unhas condicións de vida dignas. Reclamamos que se adopten medidas eficaces para erradicar a fenda de xénero en salarios e pensións. Rexeitamos os novos recortes que se anuncian para 2021 aos que deu cobertura o Pacto de Toledo e opoñémonos totalmente a que as cotizacións sociais se privaticen en fondos privados de pensións, como pretende o ministro Escrivá coa súa proposta de Plans de Pensións Privados de Empresa”, conclúen.

Esixen que se faga o que sexa preciso para que as reivindicacións que están reclamando coas súas mobilizacións desde hai máis de tres años se fagan realidade.