Doce residentes finalizan a súa formación MIR en Ribera Povisa

O hospital Ribera Povisa despide hoxe aos doce médicos residentes que finalizan a súa formación MIR nas especialidades de Anestesioloxía, Cirurxía Xeral, Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, Medicina Interna, Radiodiagnóstico e Medicina de Familia e Comunitaria.

O acto de despedida foi presidido polo xerente do hospital, José David Zafrilla, xunto ao director asistencial, Rafael Cabadas, e o presidente da Comisión de Docencia, Javier de la Fuente, quen recoñeceu a evolución e o enorme potencial do equipo de residentes que hoxe finalizou o seu período formativo, boa parte do cal se desenvolveu durante a pandemia de Covid.

Dentro do plan de aposta pola excelencia na calidade asistencial ofrecida ao paciente, a formación é estratéxica para Ribera Povisa, sendo na actualidade o único hospital privado de Galicia, e dos poucos de España, que conta con formación MIR, á que se suma a formación en Enfermería e especialidades de FP no Centro de Estudos Povisa.

Anestesioloxía e Reanimación, Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo, Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, Medicina Interna, Radiodiagnóstico e Medicina Familiar e Comunitaria serán as especialidades ás que se sumarán este ano trece novos residentes médicos.