Alberto Meira inicia a tempada con moitas ganas na Coruña

A proba herculina inicia como vén sendo xa habitual a tempada do Campionato Galego de Rallyes. Nesta ocasión, debido á pandemia, a cita inaugural dispútase tres meses máis tarde, pero iso non fixo máis que aumentar a ambición do equipo formado por Alberto Meira e José Murado, que por terceiro ano disputarán o certame e bordo do Citroën DS3 R5.

Aínda que xa son case 7 meses sen correr tras a última proba do ano pasado, o Rallye Mariña Lucense, o piloto gondomarense móstrase confiado para comezar a tempada sobre o podio coruñés, tal e como fixo na pasada edición.

“O Rallye da Coruña sempre é unha proba que nos gustou moito, tramos moi rápidos e zonas de botarlle moito valor onde se marca realmente a diferenza. Este ano ao disputarse en maio, con moita máis calor que de costume, será clave para os pneumáticos e necesitamos adaptarnos a estas novas condicións de asfalto totalmente seco e con moita temperatura. Os nosos principais rivais corren en casa, así que haberá que saír a atacar desde os primeiros compases e tratar de manternos na loita pola vitoria”, apunta Meira.

O Rallye da Coruña dispútase integramente o sábado 29 de maio con 10 especiais cronometradas que serán as que decidan quen é o primeiro vencedor nesta tempada dentro do Campionato Galego e a Copa Top Ten Pirelli Driver A.