O vindeiro luns volve o mercado de Sabarís con todos os seus postos

O vindeiro luns, día 31 de maio, reiniciarase a actividade do tradicional mercado de Sabarís con todos os postos que viñan sendo habituais e garantindo as medidas de seguridade fronte á covid-19 establecidas pola normativa vixente. Nos últimos meses a actividade viña desempeñándose cunha redución do número de postos, producíndose así a rotación entre feirantes cada luns, podendo acudir ao mercado todos os días, independentemente do seu número, os postos de venda de produtos agroalimentarios como se recollía na normativa.

Nesta ocasión, o mercado retomará xa o seu formato máis habitual coa presenza de máis de 170 postos que ofrecerán, como adoita acontecer, os máis diversos produtos e nunha actividade que supón un elemento dinamizador da economía local. Desde a Concellería de Comercio e Mercado que xestiona Víctor Muñoz, lémbrase aos baioneses e baionesas a obrigatoriedade de levar máscara e pide aos asistentes que manteñan a distancia de seguridade recomendada polas autoridades sanitarias.

O concelleiro fai un chamamento “á responsabilidade de comerciantes, veciños e veciñas á hora de cumprir coas normas de seguridade” e informa de que “a Policía Local velará polo cumprimento destas normas”. Pola súa banda, o Alcalde, Carlos Gómez, comenta que “sabemos que a noticia da volta de todos os postos do mercado á súa localización habitual era esperada polos veciños e veciñas, así como polo comercio ambulante. O seu atraso debeuse exclusivamente á situación sociosanitaria, que cando mellorou permitiunos retomar a nova normalidade”, explica o rexedor.