Nigrán pecha a programación do Mes das Letras co concerto do trío de cámara CromoSons

O Concello de Nigrán pecha a súa programación especial do Mes das Letras co concerto este sábado ás 20:00 horas no Auditorio Municipal do trío de cámara galego CromoSons. A entrada é de balde ata completar o aforo permitido polas autoridades sanitarias. Na web www.nigran.es (apartado Próximos Eventos > CromoSons) figura o dossier con información polo miúdo do grupo.

CromoSons é unha formación de cámara nada habitual ao estar integrada por instrumentos característicos de diferentes estilos: frauta a cargo de Adrián Silva, máis propia do clásico; Fran Troncoso ao vibráfono, típico do jazz; e Dani Riveiro no set de percusións, máis vencellados ao folclore. Esta mestura permite interpretar desde obras barrocas, a clásicas, impresionistas ou inspiradas no folclore propio ou doutras latitudes. Por iso, o repertorio inclúe compositores de diferentes épocas e países, chegando á actualidade. Entre eles: Bach, Debussy, Piazzola, Morricone, Lamas, Saint-Saens, Romero ou Manfred Fest.