300 voluntarios participarán na primeira Operación Quilo presencial tras máis dun ano de parón

Uns 300 voluntarios participarán esta fin de semana na que será a primeira Operación Quilo desenvolta por parte da Fundación Provincial Banco de Alimentos, despois do parón de máis dun ano vivido como consecuencia da pandemia. A recollida de produtos básicos de maneira presencial producirase mañá, venres, día 28, e o sábado, día 29, grazas á campaña #mayosolidario impulsada por Gadis, no caso da nosa provincia, nun total de 25 supermercados. En concreto, en Vigo serán 190 os voluntarios participantes, en Mos, 10, en Nigrán, 10, en Pontevedra, 50, Lalín, 24, e, en Marín, 12.

As persoas que acudan aos supermercados Gadis poderán entregar alimentos físicos aos voluntarios da ONG, aínda que a campaña ofrece a posibilidade tamén de realizar doazóns virtuais ao pasar por caixa. Por noveno ano consecutivo, Gadis leva a cabo durante o actual mes o #mayosolidario, acción coa que pretende axudar directamente a 11 Bancos de Alimentos de Galicia e Castela e León.

Agradecemento aos voluntarios

A Fundación Provincial Banco de Alimentos agradece a resposta obtida por parte dos voluntarios participantes nesta primeira Operación Quilo. A ONG fixo un gran esforzo para que esta volta física dos voluntarios aos supermercados se leve a cabo dunha maneira segura e con todas as medidas de hixiene óptimas en tempos de pandemia.

Durante 2020, a Fundación Provincial Banco de Alimentos, con sede en Vigo e delegación propia en Pontevedra, repartiu máis de 2 millóns de quilos de alimentos (2.072.400 quilos), o que representa un 17 por cento máis con respecto ao ano anterior. O estalido da pandemia e as súas consecuencia tradúcense na distribución de 300.000 quilos de alimentos máis entregados que ao longo de 2019.

A Covid-19 incrementou substancialmente a actividade da ONG a partir de marzo de 2020. Se o ano comezaba cunhas 20.000 persoas sen recursos atendidas, o avance da crise sanitaria incrementou ao redor dun 25 por cento o número de beneficiarios sen recursos na provincia de Pontevedra.

De carácter apolítica e aconfensional, a Fundación Provincial Banco de Alimentos ten como principal obxectivo: velar polo cumprimento dun dos dereitos humanos máis fundamentais: o acceso a unha alimentación suficiente, segura, saudable e gratuíta.