Ribera Povisa renova integramente a súa cociña

O hospital Ribera Povisa concluíu a reforma integral da cociña, un servizo onde se elaboran ao redor de 400 menús diarios e que distingue ao hospital, ao ser un dos poucos de Vigo que mantén o servizo de cociña propio. Os traballos desenvolvéronse ao longo dun ano, repartidos en catro fases para non afectar o desenvolvemento da actividade.

O investimento total foi de 200.000 euros, que se empregaron en renovar por completo as instalacións con mellores accesos, chans vinílicos, falsos teitos, protección e reforzo nas columnas, ademais dunha iluminación máis sostible, integramente de LED. Adquiriuse equipamento máis eficiente e de maior capacidade, melloráronse os circuítos e incrementouse a capacidade das instalacións tras incorporar espazos que antes estaban infrautilizados. “Aproveitamos para reestruturar a configuración da cociña. Agora os tránsitos son máis áxiles e cómodos para o persoal”, explica Ismael Pérez-Izaguirre, responsable de Hostalería en Ribera Povisa.

Un servizo diferencial en Vigo

O servizo de alimentación de Ribera Povisa, conformado por un persoal de 45 persoas, caracterízase polo seu sistema de autoxestión, que controla a trazabilidade do proceso desde que se compra a materia prima ata que se serve aos pacientes. “Encargámonos de seleccionar a materia prima, de cociñar e de servir os pratos, sen intervención de terceiros. Para nós trátase dun valor moi importante, e así o valoran os pacientes nas enquisas internas que realizamos”, sinala Pérez-Izaguirre.

O funcionamento da cociña, situada no primeiro soto do edificio, é constante. Pola mañá cocíñanse e preparan os menús do mediodía e durante a tarde elabóranse os menús que se serven na cea. Os pratos nunca se requentan, senón que se distribúen directamente desde a cociña ás habitacións. A carta confórmana máis de 50 dietas diferentes, e no menú básico, que é o máis habitual para o paciente que non ten restricións alimentarias, ofrécense dúas opcións de primeiro, outras dúas de segundo, dúas sobremesas e outros elementos adicionais como un sandwich ou unha ensalada. Ribera Povisa ofrece tamén o sistema de e-menú, pioneiro a nivel nacional e galardoado pola súa eficacia, e que ofrece aos pacientes a posibilidade de elixir que desexan comer a través dunha pantalla táctil á que acceden directamente desde a cama e que mostra fotografías reais dos pratos.