Baiona reabre este martes a pasarela de Ladeira

Tras tres meses de obras para a súa remodelación integral, Baiona reabre mañá martes a pasarela de madeira da Praia Ladeira. Os traballos consistiron na reposición e ampliación da anterior plataforma, que requiría constantemente de arranxos debido á deterioración sufrida polo paso do tempo e a acción do mar sobre a mesma, así como a substitución do firme nun tramo do paseo para a incorporación do carril bici.

A nova pasarela, de ao redor de 200 metros de lonxitude, conta cun ancho maior, quedando 2,5 metros destinados ao seu uso para peóns e 2 metros para os ciclistas, dando máis seguridade aos mesmos e dotando de continuidade ao carril bici, que se vía restrinxido polo estreitamento da zona.

O alcalde estivo esta mañá supervisando coa empresa os últimos detalles da pasarela, que entra mañá en servizo para a súa completa utilización, e os traballos finalizarán nos próximos días coa delimitación, sinalización e pintado do carril bici, tanto na zona da senda de madeira como na zona asfaltada que limita coa Praia de Santa Marta.

As obras foron levadas a cabo pola empresa Covsa e financiadas pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda da Xunta, cun investimento de 438.000 euros. Con isto móstrase a aposta do Concello na mellora da mobilidade e seguridade viaria en Baiona, quedando definitivamente completo o carril bici en todo o termo municipal.

2019-04-15 - Foto 1