Nigrán asumirá a xestión directa do parking da Ramallosa con 4 horas iniciais gratuítas

O Concello de Nigrán asumirá no próximo trimestre a xestión directa do parking de A Ramallosa tras liquidar e disolverse definitivamente a empresa concesionaria “Estacionamientos Valle Miñor, S.L.” e, deste xeito, poder avanzar o goberno local nos trámites para re-municipalizalo. O estacionamento, pegado á piscina mancomunada e con 357 prazas situadas en catro niveis, abrirá baixo xestión 100 % pública para poder así revitalizar este núcleo urbano grazas a ofrecer grandes vantaxes a veciños e comerciantes (entre elas, as primeiras 4 horas gratis para todos os usuarios, abonos a maiores para residentes ou comerciantes, etc.).

“En todo caso, estaría operativo moito antes de licitar as obras de humanización de Manuel Lemos”, explica o alcalde, quen destaca o “beneficio incalculable” que suporá para o pequeno comercio e veciñanza de toda a zona “ter un aparcamento gratis”. “Será un cambio radical para A Ramallosa e o seu pequeno comercio”.

O parking, construído no 2007 coa concesión a 39 anos para “Estacionamientos Valle Miñor, S.L.”, foi pechado pola empresa o 1 de xaneiro de 2017, sendo liquidada a adxudicataria xudicialmente a mediados de 2019. “Desde entón estamos tramitando a súa re-municipalización e xa estamos na última fase tras recuperar os servizos de auga e luz (hoxe mesmo activouse o subministro de electricidade) sen ter que asumir o Concello ningunha débeda”, explica o rexedor. Así, o seguinte paso será aprobar no Pleno unha ordenanza de uso e prezos públicos, actualizar a maquinaria que sexa preciso tras realizar unha revisión profunda e acometer unha limpeza, un prazo que se calcula en 2-3 meses máximo.

“Leva catro anos pechado e aparentemente se conserva en perfecto estado”, explica o edil de Mobilidade Diego García Moreira, quen está asumindo a actualización de todo o recinto para que cumpra con todos os requirimentos precisos de seguridade. “A posteriori, os servizos xurídicos municipais estudarán a posibilidade de repercutir todos os gastos que orixine a súa apertura aos responsables da extinta empresa concesionaria”, engade.

O goberno local non considera outra opción que a xestión pública para que de verdade a súa apertura beneficie economicamente e socialmente a todo este núcleo urbano. “Unha concesionaria loxicamente busca facer negocio porque é unha empresa, en cambio, desde o Concello o que buscamos é un beneficio social, non o lucro: aparcamento gratuíto para toda aquela persoa que veña a Ramallosa, beneficios para o veciño que desexe abonarse máis alá de 4 horas iniciais gratis, para os usuarios da piscina, para os propios comerciantes, etc”, explica o rexedor, quen confirma que “abrirá as 24 horas do día e insiste no feito de que as primeiras 4 horas sempre serán gratis para absolutamente todos os usuarios, independentemente doutros beneficios engadidos para residentes na Ramallosa ou traballadores”.

Este aparcamento súmase ao leira-parking municipal do núcleo urbano de Nigrán, tamén 100% público e gratuíto e polo que o Concello paga un aluguer de 6.137 € ao ano. “Somos conscientes do importante que é para os núcleos urbanos as bolsas de aparcamento porque repercuten directamente no pequeno comercio e na propia calidade de vida das persoas, polo que consideramos a re-apertura deste parking da Ramallosa de xeito 100% público unha prioridade para o noso goberno”, resume González.