ACEBA e OVALMI piden apoio económico para poñer en marcha “Baiona Campus Residencial Universitario”

Os empresarios e comerciantes de Baiona, representados polas dúas asociacións que engloban á totalidade do sector, ACEBA e OVALMI, reuníronse co alcalde Carlos Gómez a fin de solicitarlle, unha vez máis, o apoio económico para poñer en marcha o proxecto “Baiona Campus Residencial Universitario”, no que os empresarios veñen traballando desde hai tempo.

No encontro non só estiveron presentes os presidentes de ambas as dúas asociacións, senón que tamén participaron empresarios e comerciantes que engloban a totalidade dos sectores económicos e representativos da vila como son, a hostalería diúrna e nocturna, a hotelaría, a industria, o comercio e o sector educativo. Tamén asistiu Gonzalo Martínez, xerente da empresa Campus Spain, cuxa actividade consiste en traer a Galicia alumnos procedentes do sueste Asiático e de Centroamérica.

Na reunión expúxoselle ao alcalde a necesidade de iniciar este proxecto de forma inmediata xa que “ao noso entender é unha idea realista que axudará a dinamizar economicamente Baiona e ademais pódese poñer en marcha de forma inmediata a un custo ínfimo”. Os empresarios indicaron que, á data, xa se conta con transporte directo de Baiona ao CUVI por autoestrada e gratuíto ata os 21 anos. Este era un dos escollos máis importantes para poñer en marcha o proxecto, pero a día de hoxe está solucionado.

O rexedor expuxo a súa intención de deseñar “a Baiona que queremos ser dentro de vinte anos”, ao cal os empresarios lle replicaron que eses proxectos e ideas a tan longo prazo son moi interesantes pero que dada a situación de crise económica que actualmente padece a Vila non se pode centrar o esforzo municipal nun horizonte tan afastado insistindo en que con urxencia hai que envorcar todos os sacrificios e esforzos en dinamizar de maneira inmediata a afluencia a Baiona de visitantes de longa estancia e en tempada baixa (de setembro a xuño).

Os empresarios argumentáronlle ao alcalde que un proxecto como o Campus Residencial Universitario non depende do factor climatolóxico, e ademais ten o valor engadido de atraer un “turismo educativo ou turismo académico”. Sen dúbida, a instauración do Campus Residencial é unha idea pioneira en Galicia que promete emprego de calidade, aumento da produtividade e atrae a estudantes cosmopolitas que deixan o seu diñeiro na Vila. Todo iso, recalcaron, demóstrao o incremento das residencias de estudantes e o interese dos fondos de investimento polas universidades españolas.

O vicepresidente de ACEBA, Carlos Quintás, leu un escrito no cal os empresarios lle solicitan ao consistorio que nun intervalo de máxima brevidade defínase se vai apoiar economicamente ou non o proxecto do Campus Residencial Universitario. Finalmente, o rexedor sinalou que, nun prazo moi breve de tempo, daría unha resposta.