Xornada de portas abertas virtual en Ribera Povisa para mostrar as súas especialidades aos futuros residentes

O hospital Ribera Povisa celebra o vindeiro luns unha xornada de portas abertas virtual para que os futuros residentes interesados poidan coñecer as seis especialidades nas que se ofertan un total de trece prazas e resolver todas as súas dúbidas directamente cos responsables da súa formación.

A xornada de portas abertas para Médicos Internos Residentes (MIR) terá lugar de 10 a 13 horas o luns, 24 de maio, e nela abordaranse as especialidades que ofertan prazas como son Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía (1), Anestesioloxía e Reanimación (1), Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo (1), Radiodiagnose (1), Medicina Interna (2) e Medicina Familiar e Comunitaria (7).

Para facilitar a información sobre os diferentes centros e as súas unidades docentes, o grupo Ribera organizou unha xornada de portas abertas para cada hospital na que os responsables de Docencia, Investigación, Xerencia e Recursos Humanos poñen en valor e destacan as fortalezas dos hospitais, desde as instalacións á tecnoloxía, pasando pola formación continua e a promoción interna dos seus profesionais nos diferentes centros sanitarios do grupo. Ademais, estas xornadas permiten aos candidatos expor preguntas sobre os aspectos da formación e especialización que se lles ofrece, e teñen a oportunidade de coñecer os diferentes servizos que ofertan prazas en cada hospital. En total, o grupo Ribera oferta este ano 62 prazas para MIR e 13 para EIR.

Máis información en https://riberasalud.com/povisa/docencia/