O PP reclama á Deputación ampliar e mellorar a seguridade viaria na EP-2102 entre Nigrán e Vincios

O grupo provincial do Partido Popular pedirá no próximo pleno provincial da Deputación de Pontevedra que se amplíe e mellore a seguridade viaria na EP-2102, entre Nigrán e Vincios. Os populares reclaman que se corrixan as curvas perigosas, se adecúe o ancho da calzada a dez metros naquelas zonas nas que sexa posible e constrúan beirarrúas que garantan a seguridade dos peóns. “A Deputación debería centrarse máis na mellora das súas estradas provinciais, sobre todo naqueles concellos con menos recursos e garantir así á seguridade dunhas vías das que son os únicos responsables”, defende a deputada Carmen Amoedo.

Explica que esta estrada, de titularidade provincial, comunica os municipios de Nigrán e Gondomar, dando servizo ás parroquias de Camos e Chandebrito, e especialmente a esta última, xa que é a única estrada de acceso desde centro urbano de Nigrán. “É un viario estratéxico e vertebrador para o municipio”, defende. De feito, é o único acceso desde Nigrán á parroquia de Chandebrito, “parroquia na que houbo un incendio tráxico en outubro de 2017, e non podemos entender que catro anos despois este viario siga exactamente na mesma situación e non se acondicione adecuadamente para evitar que se repita este suceso”.

A EP-2102 non conta na maior parte do percorrido con beiravías adecuadas polas que poidan transitar os peóns de forma segura, e nalgúns casos ao borde da calzada presenta desniveis moi perigosos. Pero ademais, hai zonas nas que a calzada ten apenas seis metros e as curvas pronunciadas do seu trazado orixina moitos sustos e contratempos. Ademais, entenden desde o PP que “non parece que sexa difícil nin que requira dun investimento elevado, xa que parte do trazado discorre por zonas de monte nos que non hai ningún elemento nin servizo que requira reposición”.

Por último, Amoedo recorda que en abril de 2019 aprobouse por unanimidade do Concello de Nigrán instar á Deputación para que de forma urxente actuase sobre este viario.