Fundación Menela e a Área Sanitaria de Vigo colaboran para mellorar a accesibilidade cognitiva en centros de saúde

A Fundación Menela de atención as persoas con Trastorno do Espectro do Autismo e a Área Sanitaria de Vigo colaboran para mellorar a accesibilidade cognitiva dos centros de atención primaria. Así, hoxe colocaron pictogramas no centro de saúde de Teis e o pasado martes no de San Paio de Navia. En total, dispuxeron 150 pictogramas, apoios visuais que facilitan a comprensión do entorno a persoas con Trastorno do Espectro do Autismo e outras dificultades de comunicación.

Nun acto celebrado hoxe no centro de saúde de Teis, a Fundación Menela puxo en valor o compromiso dos profesionais dos centros de saúde para transformar o seu entorno cun enfoque accesible, e dar un paso máis cara a consecución dunha sociedade na que a inclusión e participación das persoas con Autismo sexa posible.

Os pictogramas facilitan a comprensión da contorna

As persoas con estes trastornos son pensadores visuais, polo que os apoios e adaptacións do entorno deben basearse en claves visuais que o dotan de maior significado, e apoian a comunicación.

A comprensión do entorno onde viven, conviven e realizan actividades, fai a estas persoas capaces, e lles achega seguridade e autonomía. Asemade, o uso de pictogramas non so beneficia ás persoas con TEA senón tamén aquelas con discapacidade intelectual, aos maiores, aos que non saben ler e escribir, ou ás persoas que descoñecen o noso idioma.

Carta de agradecemento aos profesionais

No evento de hoxe, que tivo lugar nos exteriores do centro de saúde de Teis para cumprir coa normativa COVID, participaron Reyes Díaz Lambarri e Roberto Devesa González, directora e subdirector de Atención Primaria da Área sanitaria de Vigo, respectivamente, e os pediatras do centro de saúde de Teis, Rosalia Piñeiro Martín e Carlos González Príncipe.

No mesmo, Adrián Márquez, en representación de todos os rapaces e rapazas do Centro de adultos Castro Navás, do que é titular Fundación Menela, procedeu a lectura dunha carta de agradecemento aos profesionais sanitarios polo seu labor e achega á sociedade durante esta pandemia.

Esta acción enmárcase no proxecto “Xacobeo Autismo. Un camiño de todos”, unha iniciativa promovida pola Fundación Menela que comezou en 2019 e que en 2020 tivo que ser suspendida pola pandemia. Forma parte do programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia e conta coa colaboración do Concello de Nigrán.

A través do mesmo, 20 persoas con Trastorno do Espectro do Autismo do Centro Castro Navás, percorren o Camiño Portugués da Costa que enlaza as localidades de Nigrán a Pontevedra, entre os días 11 e 27 de maio, pasando por Coruxo, Vigo, Teis, Redondela e Arcade.

A edición deste ano ven marcada pola crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, polo que fan unha peregrinación segura e responsable, adaptada a situación sanitaria actual e responsable, pero tamén pola ilusión dos profesionais e residentes de Castro Navás para implicarse nunha actividade que cambia a rutina do día a día, e deixa atrás longos períodos de restricións de contacto social vividos por todos eles.