Nigrán consignará 1,6 millóns de euros do Remanente á humanización da rúa Otero Pedrayo

O goberno local de Nigrán consignará no vindeiro pleno do 31 de maio un total de 1.600.000 € do Remanente de Tesourería á humanización da rúa Otero Pedrayo tras ter obtido a titularidade municipal en xullo (ata entón era de competencia autonómica). O proxecto do Concello, pendente do informe sectorial da Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia desde hai xusto un ano para poder ser xa licitado, comprende a totalidade da estrada e inclúe a creación dunha nova zona verde nunha parcela municipal ao carón da rúa Costiña.

“Estas obras son urxentísimas e prioritarias para o Concello, por iso chegamos ao punto de pedir o cambio de titularidade á Xunta, para poder emprendelas en solitario tras anos e anos de reclamacións sen resultado algún”, indica Juan González, alcalde de Nigrán, que non dubida en cualificar a súa situación como «absolutamente calamitosa, cunhas beirarrúas esnaquizadas, e uns servizos que tanto ambientalmente como estruturalmente supoñen un gran problema». Compre sinalar que esta estrada vertebra o municipio ao comunicar o núcleo urbano de Nigrán (PO-552) con Panxón (Rúa Mariñeiro) e conta con ducias de denuncias por mor da caída de peóns debido ao terrible estado das beirarrúas. “A situación é lamentable tras anos de completo abandono por parte da Xunta e para o goberno de Nigrán é unha obra prioritaria, así que agardamos impacientes ese último informe sectorial para iniciar ipso facto a contratación. O que non fixo a Xunta en 30 anos agardamos facelo nos en 1”, incide González.

Precisamente para avanzar prazos, o Concello conta desde febreiro de 2020 con este proxecto da empresa de enxeñería Ingenia que cifra o investimento en 1.592.114 €. O aspecto máis destacable será a completa renovación dos colectores de abastecemento e saneamento, creando a maiores unha rede separativa de pluviais que non existe actualmente, o que causa problemas de sobrecargas nos días de choiva e desfeita do pavimento. Así mesmo, darase ao fin continuidade ás beirarrúas que rematan abruptamente á altura do Centro Antena (rúa Porqueira) mediante a creación dunhas novas que si cumpran a normativa de accesibilidade e en formigón pulido coloreado con canto en pedra, seguindo así a estética da súa veciña rúa Mariñeiro (as actuais, completamente esnaquizadas, son consideradas polo goberno local como “as peor conservadas de toda a provincia”). Os pasos de peóns serán, ademais, sobreelevados e con iluminación específica mediante una barra lateral co obxectivo de outorgarlles a máxima seguridade, tal e como xa fixo o Concello noutros do casco urbano.

Adicionalmente, contémplase renovar o asfaltado en toda a rúa e o cambio a iluminación LED con novos farois cun fuste personalizado co gravado en corte láser do escudo de Nigrán e eliminarase o tendido aéreo eléctrico e de comunicacións que aínda existe, desaparecendo os postes da estrada. A plantación de cerdeiras ornamentais en todo o percorrido das novas beirarrúas outorgará a toda a zona unha imaxe máis amable, feito que se complementará con novo mobiliario urbano (bancos e papeleiras).

Dentro do mesmo proxecto, o Concello de Nigrán inclúe a rehabilitación dun espazo verde municipal de 450 metros cadrados ao carón de Otero Pedrayo, na rúa Costiña, co obxectivo de convertelo nunha zona de lecer para a veciñanza. Nel disporase dun circuíto biosaudable para facer exercicio ao aire libre, bancos e arbolado.

“En definitiva, queremos facer unha rúa Otero Pedrayo moito máis amable para os seus veciños, un lugar polo que poder pasear, accesible de verdade e con puntos de encontro nos que poder pararse a charlar ou descansar, ese é o Nigrán para todos que estamos a construír e por iso lle pedimos á Xunta que por favor acelere no seu último informe, os veciños xa teñen aguantado demasiado e desde o Concello demos todos os pasos para asumir en solitario as obras”, resume o alcalde.