
A UIM – Unión Internacional de Motonáutica, con sede en Mónaco, tras a reunión mantida de maneira telemática cos membros do seu Comité Técnico, reorganizou o calendario de competición da presente tempada, un axuste en destinos, categorías e datas, que foi cambiando e evolucionando de maneira paralela á actual situación pandémica mundial.
Entre as recentes confirmacións foi a ratificación da concesión a Baiona da celebración dunha das dúas probas do Campionato de Europa de Endurance, conxuntamente coa cidade italiana de Rávena, ao norte do país, fronte á costa de Croacia, bañada polo Mar Adriático, do que a vila do Val Miñor será peche do continental.
Así mesmo, a UIM tamén outorga a Baiona a celebración dunha das tres probas do Campionato do Mundo de Endurance, sendo ecuador entre a primeira que acollerá a cidade italiana de Rodi Gargánico, con augas do Mar Adriático que comparte fronte á costa de Montenegro, e a terceira, na malagueña Benalmádena.
O anuncio da presentación tivo lugar esta mañá no Salón de Plenos do Concello de Baiona, un acto presidido polo seu Alcalde, Carlos Gómez, e ao que asistiron o presidente da Real Federación Galega de Motonáutica, José Fernández; o Deputado Provincial de Deportes, Gorka Gómez; o Xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavidez; e a Concelleira de Deportes, Miriam Costas.
En Baiona estrearanse as novas categorías do Endurance: Boat Production 300 (B), Promotion 150 (P) e Sport 450 (S). Será o 16 e 17 de outubro de 2021.
Galicia conta con ampla experiencia neste tipo de embarcacións. Non en balde Vigo albergou unha proba do europeo no Marisquiño de 2017 e Sanxenxo foi enclave único tamén do continental, en 2019. Pero nunca se conseguiu ata o de agora que unha localidade española albergase un europeo e un mundial.
Este éxito débese, fundamentalmente, ao esforzo efectuado polas Reais Federacións Española e Galega de Motonáutica, que traballaron con moita ilusión neste proxecto acompañadas polas institucións que tutelan o deporte en España e Galicia, como son o Consello Superior de Deportes, a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Baiona, sempre dispostas e animadas no seu apoio, do mesmo xeito que o Porto Deportivo Baiona, que será sede e epicentro do evento.
Nesta tesitura é xusto recoñecer o gran labor desenvolvido polo Xuíz catalán Miquel Mallafré, único representante español na UIM e membro do seu Comité Técnico, que sempre apoiou a Galicia en xeral e a Baiona en particular, como portavoz e valedor na concesión de ambos os dous eventos.
A previsión inicial é a dunha quincena de embarcacións, con pilotos que serán embaixadores de países como Alemaña, Holanda, Bélxica, Inglaterra, Italia, Francia, Portugal, Kuwait e, por suposto, España que conta cunha ampla representación entre a que destacan pilotos vigueses, como Keko Pereira ou José e Yeray Lorenzo, que xa saborearon os meles dos podios do continente.
O Endurance é un tipo de embarcación que conta cunha eslora aproximada entre os 5 e os 9 metros, motores que alcanzan unha velocidade de 70-80 nós (uns 130-150 km/ h.) e unha tripulación composta por piloto e copiloto.
A competición lévase a cabo nun circuíto montado por boias e as saídas de cada manga son lanzadas, é dicir, en velocidade progresiva.