A neurocirurxiá Rosa Martínez, nova directora de Atención Hospitalaria da Área Sanitaria de Vigo

A especialista en neurocirurxía, Rosa Martínez Rolán, incorpórase hoxe, con carácter provisional, ao equipo directivo da Área Sanitaria de Vigo como directora de Atención Hospitalaria. Licenciada en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela, é especialista en neurocirurxía. Ademais, realizou a tese doutoral, polo que tamén é Doutora en Medicina pola Universidade de Santiago. A maior parte da súa traxectoria profesional está vinculada ao Complexo Hospitalario Universitario de Vigo desde hai 20 anos, traballando primeiro no hospital Xeral-Cíes e posteriormente, e ata a data, no hospital Álvaro Cunqueiro.

Na súa actividade asistencial cabe subliñar a súa especial dedicación ás áreas de neurocirurxía pediátrica, vascular e nervo periférico. Hai que destacar tamén a súa importante labor no ámbito da docencia, sendo colaboradora docente na formación dos médicos residentes e profesora asociada de Ciencias de Saúde na Área de Cirurxía da Facultade de Medicina da USC. Neste ámbito, desenvolveu múltiples colaboracións coa Universidade de Vigo na dirección de teses doutorais e traballos de fin de Master.