Baiona a través da cámara de fotos de Caíno

O pintor baionés Caíno Vasconcellos presentou este sábado en Baíña o seu segundo libro, “Os ollos no tempo”, con prólogo de Anxo Rodríguez Lemos. Xa fai dez anos, publicaba o primeiro, “As portas ausentes”, unha obra de poemas que recollía os pensamentos e as sensibilidades máis íntimas do artista. Neste ano de pandemia deixa os pinceis por un intre, e achéganos a unha nova obra literaria. Ao redor de centos de imaxes recollidas coa súa cámara á volta de Londres, o pintor mostra unha escolma da Baiona do pasado, dos tempos de neno, de cando fora mozo.

Lévanos coa súa mirada á casa da Xurela, ao campo da Palma, a “Villa Lola”, ao porto de Mojines, á casa do Ferreiro, á horta das “Parralas”, ao Balneario, á Lagharteira, ao Bosque, ou ás casiñas da Porta da Vila e de Laxe, onde se xuntaron as cariñas dos pequenos de Corea coa doutros mozos que xogaban ao currillo, e soñaban con bailar a Danza das Espadas diante da Virxe da Anunciada.

“No 1973 volvín a Baiona despois de dous anos na capital británica, e trouxen unha cámara de fotos. Fixen unha morea de retratos de paisaxes, de recunchos, do mar, do monte, das rúas vellas… das mulleres, dos homes, dos meniños… a ollada fermosa da vida e da alma de Baiona e a súa contorna”, comenta Caíno. “Hoxe unha pequena parte destas fotos, con outras que tiña máis antigas, servíronme para mostrar as miradas da infancia, e albiscar de novo eses recunchos perdidos, pero vivos aínda na lembranza e a memoria”.

“As vidas marcharon desgraciadamente no colo da morte e as súas paisaxes foron estragadas pola desfeita urbanística que cementou espazos fermosos, a beleza de edificios arquitectónicos importantes, o bosque e as hortas de riqueza en flora e fauna irrecuperables. Hoxe sería un reclamo para atraer turismo, camiño polo que se apostou naqueles anos, e que agora percorremos con dificultade e inquietude”, lamenta o pintor baionés.

“Con este sinxelo e emotivo traballo quero evocar os tempos amados, nos lugares da miña infancia libre e alegre, e sobre todo, as persoas, mulleres e homes, traballadores sacrificados que loitaron e padeceron a infamia, a inxustiza e a miseria, e que pelexaron e sufriron para recuperar a xustiza, a liberdade, o benestar e a paz que desfrutamos hoxe”, conclúe Caíno.