Confirmada unha condena ao Sergas polo atraso no diagnóstico dunha anciá falecida no Cunqueiro

A sección primeira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza de primeira instancia que condena ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) a indemnizar con 31.727 euros á filla dunha muller de 86 anos, diagnosticada de Alzheimer e en situación de dependencia, falecida no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e á que se lle diagnosticou unha perforación intestinal “demasiado tarde”. A Sala considera acreditado que “non se puxeron a disposición da paciente todos os medios da sanidade pública para detectar, con antelación suficiente, a perforación intestinal que finalmente determinou o seu falecemento”, en setembro de 2018.

A Sala indica que o expediente administrativo, a historia clínica e os medios de proba practicados, sobre todo a pericial da facultativa que declarou a instancia da demandante, revelaron “que a asistencia recibida pola paciente non se adecuou ás esixencias derivadas dos alarmantes signos externos e datos clínicos que manifestaba, pois facían precisa a práctica dun TAC abdominal, que podería ter detectado a perforación intestinal que se evidenciou dous días despois, cando xa era demasiado tarde para o tratamento cirúrxico”. Así, sinala que os médicos do servizo de urxencias o día 21 de setembro de 2018, a segunda vez que acudiu a falecida ao centro, “non a derivaron ao servizo dixestivo, algo que podería aclarar o sentido dalgún dos síntomas, nin decidiron a práctica dun TAC abdominal, que dous días despois evidenciou a decisiva perforación intestinal”.

“Non resulta convincente a escusa achegada no informe do servizo de cirurxía xeral e dixestivo do Álvaro Cunqueiro, claramente dirixido a desculpar a actuación dos facultativos do servizo de urxencias, no que se di que a solicitude de probas complementarias queda a criterio dos médicos de urxencias e debe estar dirixida a descartar unha sospeita de patoloxía abdominal cirúrxica urxente nos casos de alta sospeita, non sendo a práctica habitual en urxencias realizar un TAC abdominal”, subliña o TSXG. Ademais, o alto tribunal explica que “non resulta convincente porque existían síntomas que permitían sospeitar unha grave patoloxía abdominal, polo que a paciente non presentaba unha simple dor abdominal, de modo que non se xustifica a falta de realización do TAC, así como tampouco a ausencia dunha petición de valoración por un especialista en cirurxía xeral, antes de dala de alta”.

O alto tribunal galego, polo tanto, desacolle o recurso de apelación interposto polo Sergas contra a sentenza do Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Vigo. Contra a resolución cabe presentar recurso ante o Supremo.