Ribera Povisa inicia a gran transformación da súa fachada

Ribera Povisa iniciou as obras para a reforma integral da súa fachada, que transformará a imaxe externa do hospital e permitirá recuperar o acceso principal pola rúa Salamanca. Uns traballos que se prolongarán durante dez meses e que supoñen un investimento de 2,5 millóns de euros.

O cambio será notable no exterior. A fachada orixinal de 1973 e o icónico cartel de Centro Médico deixarán paso ao deseño envolvente en pedra negra Zimbawe, que xa caracteriza a Urxencias e ás consultas externas de Gran Vía.

Ademais de cambiar por completo a fachada e a entrada principal do hospital, renovaranse tamén outras dúas plantas —entre elas, a planta baixa, que gañará 22 consultas—, sumando unha superficie de 1.400 metros cadrados completamente novos e cun deseño moderno e funcional. O hospital veu traballando durante meses na operativa das obras para que se leven a cabo sen interromper a actividade asistencial normal, que non se verá afectada.

Desta forma, a partir de marzo de 2022 a entrada principal de Ribera Povisa será pola rúa Salamanca e cos estándares máis esixentes de accesibilidade e funcionalidade, que permitirán un acceso cómodo e fluído. A nova entrada principal contará cunha nova disposición dos espazos e con dous novos ascensores que permitirán que os pacientes poidan acudir directamente ás súas consultas. O acceso provisional pola rúa Zaragoza, agora operativo, manterase como entrada secundaria, tras a finalización das obras.

Estas obras forman parte do plan de investimentos do grupo Ribera no hospital e cumpre co obxectivo de mellorar e modernizar as instalacións do centro para adaptalas ás necesidades dos pacientes.