A Liga de Inverno Baitra J80 entra na súa recta final

A Liga de Inverno Baitra J80 que o Monte Real Club de Yates organiza en Baiona desde o pasado mes de xaneiro entra este sábado na súa recta final coa disputa da penúltima xornada de probas. A partir das tres da tarde, os 18 veleiros que aspiran ao título da liguiña de monotipos reuniranse na baía baionesa para baterse en tres novas regatas coas que seguir definindo posicións de fronte ao final da competición, previsto para o 29 de maio.

As deste sábado serán tres novas probas entre boias, do tipo barlovento sotavento con dobre volta, nas que o Okofen de Javier de la Gándara demostrou ser o mellor ata o momento. Cuns parciais de 4-3-1-1-2-1, a tripulación do navegante vigués leva varias xornadas na cabeza da clasificación pero sen poder relaxarse demasiado, xa que hai varios candidatos para roubarlle o liderado.

Desde o segundo posto, o Alboroto de Juan Carlos Ameneiro é outro dos firmes aspirantes ao título. Na última etapa, o poder descartar o seu peor resultado (12 puntos), que lle viña penalizando moito na táboa, permitiulle elevarse ao posto de prata, a apenas 4 puntos do líder.

Un pouco máis abaixo, en terceira posición, co bronce provisional, atópase a tripulación portuguesa do Marías, liderada por Manel Marías. Sepáranlle 9 puntos do Okofen, pero o equipo é un deses que adoitan sorprender, polo que non se pode descartar aínda unha posible vitoria lusa.

Algo máis inestable coas puntuacións previas foi o Cansino de Fernando Yáñez que, cuns parciais moi dispares vai en cuarta posición perseguido moi de preto, a apenas 2 puntos de separación, polos coruñeses de La Galera, con Miguel Fernández Vasco á fronte.