Homenaxe ao persoal de seguridade privada dos centros sanitarios da Área de Vigo

A Comisaría de Policía Nacional en Vigo-Redondela organizou un acto homenaxe a todo o persoal de seguridade privada que realiza o seu labor nos centros sanitarios da Área de Vigo. Este desenvolveuse durante a mañá de onte no Salón de Actos do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

A apertura do acto correu a cargo do Xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, quen cedeu a palabra ao Interlocutor Policial Sanitario, Casto García, inspector da Comisaría da Policía Nacional de Vigo-Redondela, o cal dirixiu unhas palabras aos presentes para agradecer o labor que os vixiantes desenvolveron durante as fases máis complicadas da pandemia, informando a todas as persoas que se dirixían aos centros hospitalarios solicitando información.

A continuación tomou a palabra novamente Javier Puente, para presentar ao inspector da Policía Nacional Pablo Pallares, xefe do Gabinete de Prensa da comisaría de Vigo-Redondela, quen leu a Orde do Ministerio do Interior (318/2011, do 1 de febreiro), á vez que os homenaxeados recollían os diplomas.

Entre estes estaban Julio García Comesaña, ex Xerente da Área Sanitaria de Vigo durante a pandemia, e actual Conselleiro de Sanidade, ademais do Director de Seguridade da sociedade Novo Hospital de Vigo, o Director de seguridade e o Xefe do Servizo de Urxencia do hospital Ribera Povisa, o Xerente e o Xefe de Servizos de Securitas en Vigo, e o actual Xerente da Área Sanitaria de Vigo xunto co Inspector do Servizo de Vixilancia.

Finalmente Javier Puente volvería tomar a palabra e pecharía o acto agradecendo á Policía Nacional a mención e o recoñecemento do traballo, para a despois realizar a habitual foto de familia con todos os homenaxeados.