A Xunta investirá preto de 193.000 € na substitución da cuberta do IES Val Miñor

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, anunciou hoxe que o Goberno galego licitará por 193.000 euros as obras de substitución da cuberta do IES Val Miñor, no concello de Nigrán.

Segundo confirmou nunha visita a este centro educativo, con esta intervención búscase a mellora enerxética da edificación, que contará cunha nova cuberta e sistemas de illamento. En canto ás especificacións técnicas da obra que se vai a executar no IES Val Miñor, Marta Fernández-Tapias detallou que consistirán na instalación dunha nova cuberta de panel sándwich con aceiro galvanizado e interior de poliuretano, a dotación de lana de roca para favorecer o illamento do teito e evitar as filtracións de auga e a substitución dos canalóns e as baixantes por outros de PVC.

A delegada defendeu así que a Xunta de Galicia continúa a súa aposta pola mellora das infraestruturas educativas cifrando en máis de 2,3 millóns de euros as obras actualmente en marcha pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria na área territorial de Vigo.

Deste modo, citou as reformas enerxéticas que se están a acometer no EEI Areal de Baiona, no IES A Paralaia de Moaña e no IES Castelao, CEP Celso Emilio Ferreiro, IES Ricardo Mella e IES de Beade no concello de Vigo, ás que se suma a rehabilitación integral do IES Santa Irene.