Alumnas e investigadoras no IES Val Miñor

O próximo xoves 13 de maio ás 17:00 horas catro alumnas de 2º de bacharelato do IES Val Miñor defenderán cadanseus traballos de investigación diante dun tribunal, logo dunha investigación, titorizada por dúas persoas docentes do centro, que comezaron hai xa ano e medio.

No campo das ciencias e en colaboración co Departamento de Ecoloxía Mariña da Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo, leváronse a cabo dous proxectos de investigación centrados na avaliación da contaminación da Foz da Ramallosa. Ambos foron titorizados polo profesor Juan J. Hermida Lago, xefe do departamento de Bioloxía e Xeoloxía.

Laura Chamorro realizou un estudo dos aportes de contaminación fecal á Foz do Miñor seleccionando dez puntos de recollida de mostras, na Foz do Miñor, nas desembocaduras dos ríos Belesar e Groba e ao longo do río Miñor ata Zamáns. Realizouse un reconto de coliformes fecais en cada unha das mostras e detectáronse en xeral elevados niveis de contaminación fecal en todas as mostras analizadas. A análise dos resultados suxire deficiencias na rede de saneamento na contorna urbana de Gondomar e especialmente no río Miñor ao seu paso pola EDAR de Gondomar. Este traballo amosa o doado que resulta monitorizar a contaminación fecal das augas fluviais e a necesidade de implementar melloras na rede de saneamento e nos procesos de depuración das augas en puntos concretos.

María Valtierra realizou un estudo dos aportes de nitróxeno de orixe antropoxénica á Foz do Miñor. Recolléronse mostras de sedimentos na Foz do Miñor e o contido en 15N comparouse cos valores obtidos nun lugar similar (esteiro do Miño – A Guarda). Os resultados indican moderados valores de 15N o que apunta a unha contaminación de orixe orgánica ocasionada, posiblemente polas augas residuais e o uso de fertilizantes. Os aportes de materia orgánica ó medio acuático contribúen á eutrofización e a degradación destes ecosistemas.

No campo das humanidades preséntanse dous traballos de investigación, ambos titorizados pola profesora Rosa Hernández Sánchez, do departamento de Lingua Castelá e Literatura.

Nair López realizou un traballo no que se estuda como o concepto da maldade ten moito que ver coa visión do mundo e as circunstancias propias de cada época, aínda que existen uns tópicos en torno a dito concepto que se repiten dende tempos inmemoriais.

Lucía Fontenla realizou un traballo no que estuda como a tradición literaria influíu no tratamento da loucura na literatura castelá ata os nosos días. Tamén se pon de manifesto como este tópico se enriqueceu co avance da ciencia e coas achegas de diversas correntes filosóficas.

Os Traballos de investigación no Bacharelato foi unha iniciativa, vencellada á investigación como proposta de ampliación para o alumnado deste nivel, que comezou no IES Val Miñor en 2018. Na actualidade, esta actividade combínase co programa Stembach, ao que o centro se incorporou na convocatoria 2020-2011. Os traballos que serán expostos son o resultado de dous anos de traballo nos que as alumnas, á vez que cursaron os seus estudos de bacharelato, realizaron o seu labor investigador.

O programa STEMBach foi incorporado á vida académica do IES Val Miñor cun grupo de 7 alumnos e alumnas que está a realizar proxectos de investigación que presentarán e defenderán o próximo ano.