Vive Nigrán inicia a súa campaña “Vive Sostible” cunha recollida de plásticos en Praia América

A V Edición do Festival Vive Nigrán impulsa accións de recollida e clasificación de residuos nas praias do Concello dentro da súa iniciativa “Vive Sostible”. Os interesados en participar nesta primeira xornada de concienciación o domingo 23 de maio deben inscribirse antes do día 20 en atencioncidada@nigran.org indicando o seu nome completo, DNI e teléfono de contacto.

O punto de encontro será o campo de fútbol de Lourido ás 10:30 e a duración estimada será de 2 horas. Facilitaranse luvas e bolsas, recomendándose levar botas de auga ou calzado axeitado. O lixo obtido será empregado para unha acción sorpresa que se anunciará proximamente.

Desde o seu inicio, a organización de Vive Nigrán tivo presente a necesidade de actuar con respecto ante a riqueza ambiental da contorna na que se desenvolve o festival. Medidas como fabricar vasos reutilizables, garantir a seguridade na zona dunar ou actividades para os máis pequenos con obradoiros de reciclaxe así o testemuñan.

Nesta edición e seguindo diversos obxectivos incluídos na Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, Concello e organización quixeron incrementar o seu compromiso programando varias actividades que poidan servir para concienciar á sociedade, por unha banda sobre a necesidade de reciclar, a importancia da conservación do mar e as súas especies, e por outra banda para converter as nosas praias en espazos libres de plásticos.

“Vive Sostible” exporá diversas accións que se irán desvelando aos poucos e que están vinculadas coa conservación, concienciación e responsabilidade ambiental (compensación de pegada de carbono, etc).

Os interesados que non poidan asistir a estas “xornadas de limpeza” poderán seguir colaborando, xa que o Concello de Nigrán pon ao dispor desta campaña de Vive Nigrán un dos seus “peixes tragaplásticos” situado na proximidade do Festival, onde se pode ir depositando os plásticos atopados. Con todo este material recollido pronto desvelarán unha acción moi especial na cal están a traballar.

O obxectivo de todas estas accións é facer ver que o problema dos residuos no mar é moi grave e compete a todos; e que, entre todos, cidadáns, festivais e institucións públicas, é necesario darlle a volta e achegar solucións.

O consumo de plástico na nosa sociedade creceu de forma vertixinosa nos últimos anos. Os datos sobre a cantidade de plástico que acabamos tirando, unha vez utilizado, son arrepiantes e extremadamente rechamantes. Unha realidade que está a converter os nosos fondos mariños en auténticos vertedoiros, especialmente de plástico, debido sobre todo á gran resistencia deste tipo de material, que pode perdurar durante séculos no fondo mariño.