Os Círculos de Podemos do Val Miñor solicitan a creación dun plan municipal de saúde mental Post COVID-19

Os datos de diversos estudos que se están realizando evidencian o impacto do confinamento e, por suposto, da crise económica que terá consecuencias sociais e de saúde para as que temos ir preparándonos. A Organización Mundial da Saúde (OMS) advertiu xa a mediados do ano pasado das consecuencias para a saúde mental que está a ter a COVID-19 no mundo e as que vai ter no futuro, cun posible aumento de suicidios e de trastornos, e instou aos distintos gobernos a non deixar de lado a atención psicolóxica.

Na sanidade pública galega hai menos de catro psicólogos clínicos por cada 100.000 habitantes, o que provoca a demora na atención e unha maior periodicidade entre consultas. Estas deficiencias no sistema público non deixan outras alternativas aos pacientes coa medicación, ou a sanidade privada, á que a gran maioría da cidadanía non pode acceder.

Ante esta situación, dende os Círculos de Podemos de Baiona, Nigrán e Gondomar propoñen apostar polo reforzo da Saúde Mental na liña que marca o Plan de Saúde Mental de Galicia PostCOVID19 do SERGAS, que toma como referencia o Plan de Acción sobre Saúde Mental 2013-2020 da OMS. Para iso, suxiren tres liñas de actuación que se resumen nos acordos que vimos de expoñer na nosa proposta e que estanse a presentar noutros concellos de toda Galicia.

Os acordos que formulan dende a agrupación morada serían:

1. Que o Pleno do respectivos Concellos inste ao SERGAS e ao Goberno da Xunta de Galicia á ampliación da área de psicoloxía do centro médico común do PAC Val Miñor.

2. Solicitar por parte dos Concellos ao Goberno da Xunta de Galicia e ao SERGAS a creación do ETAC (Equipo de Tratamento Asertivo Comunitario) no centro médico de referencia no Val Miñor, co obxectivo de garantir o servizo de saúde mental a domicilio de pacientes e usuarias dos tres concellos.

3. Instar á Xunta de Galicia a realizar unha diagnose sobre o impacto da COVID19 na saúde mental da poboación galega que reflicta a realidade dos nosos Concellos.

. Deseñar un plan de saúde mental municipal co fin de dotar aos Concellos do Val Miñor dunha estratexia para abordar as políticas de mellora neste ámbito que inclúa:

◦ A Creación dun Gabinete Psicolóxico Municipal para complementar e coordinarse co servizo que teña que prestar o ETAC ás distintas pacientes e usuarias dos concellos.

◦ Un programa de asesoramento e apoio en saúde mental a entidades sociais e profesionais que facilite a detección precoz de problemas psicolóxicos durante as súas actividades.

◦ Apoio ás entidades que traballan na inserción sociolaboral e psicosocial das persoas con problemas de saúde mental, para reforzar os servizos e programas de acompañamento e orientación no ámbito laboral ás persoas afectadas, baixo supervisión pública e cláusulas sociais.

◦ Desenvolvemento das competencias municipais en materia de saúde e sanidade. Reivindicación do papel dos concellos en materia de promoción da saúde, hábitos de consumo e saúde ambiental.

◦ Reactivación de tódolos órganos de participación dos nosos concellos para a elaboración de plans de saúde mental coa participación de profesionais da rede de saúde mental pública, persoas relevantes do campo da saúde mental nos nosos concellos e persoal con experiencia propia.

◦ Integración dos nosos Concellos nos órganos de participación que dende o SERGAS e as distintas administracións van a desenvolver e avaliar as distintas liñas do Plan de Saúde Mental de Galicia PostCOVID-19 2020- 2024 do SERGAS.

◦ A realización de campañas de sensibilización e contra a estigmatización das persoas con problemas de saúde mental.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS DA MOCIÓN

É evidente que o esforzo e traballo do persoal sanitario e a aparición das vacinas servirán para, pouco a pouco, controlar a primeira e fundamental crise producida pola COVID-19, sumado tamén ás medidas de confinamento e á responsabilidade da poboación. Pero esta crise sanitaria leva asociada e oculta unha crise de saúde mental na que as secuelas se dilatarán no tempo máis do que se agarda. Así pois, dende os Círculo de Podemos no Val Miñor queren incidir no necesario destas medidas de reforzo que garantan a saúde, incluída a mental neste caso.