Nigrán lanza os primeiros vídeos da campaña #EuSondeMercarEnNigrán

O Concello de Nigrán continúa coa súa campaña de promoción do comercio local “Eu son de mercar en Nigrán. E ti de quen ves sendo?” co lanzamento hoxe ás 17:00 horas nas súas redes sociais do primeiro dos vídeos. Así, a estrea estará protagonizada por Amador Domínguez, propietario desde hai 17 anos do xa histórico establecemento Venus, situado no centro do municipio. Ao longo dos vindeiros meses o Concello irá lanzando sucesivos vídeos de menos de 3 minutos de duración con cadanseu comerciante narrando a súa historia persoal ao tempo que invita a consumir localmente, xuntos representarán ao tecido empresarial do municipio ao ser de diferentes sectores e parroquias. A participación nesta campaña, que consta tamén de vallas, carteis, pegatinas, vinilos e bolsas de papel kraf, manterase ao longo de todo o ano e está aberta a quen desexe participar previa solicitude a comunicacion@nigran.org

“Como xa fixemos no Nadal, queríamos que os comerciantes de Nigrán fosen precisamente os protagonistas das iniciativas do Concello para promover o consumo de proximidade, nada mellor que eles para recordarnos que somos veciños, que o seu trato é próximo, que a riqueza se queda no pobo… etc”, subliña o alcalde, Juan González, quen agradece a Ovalmi a súa colaboración para poder levar adiante esta nova campaña que inclúe difusión publicitaria e en redes, regalo de 8.000 bolsas e carteis entre o pequeno comercio, vinilos para escaparates, pegatinas, etc (os non asociados a Ovalmi aínda poden adquirir o seu lote dirixíndose ao Concello, Oficina de Información Cidadá, de luns a venres de 9:00 a 14:00). Todo o deseño é obra, precisamente, da deseñadora gráfica de Nigrán Olalla Fernández e a empresa Ño! Espazo Creativo.

Nesta primeira fase, un un total de vinte comerciantes aparecen na cartelería e agora en oito vídeos para recordar ao consumidor que non é preciso saír de Nigrán para mercar produtos da mellor calidade ou de gran singularidade. Así, se nos carteis participaron desde unha peixaría a un centro de estética, tendas de roupa, establecementos hostaleiros, bazares, un taller de rodas, unha mercería, perruquerías… nos vídeos sairán desde un centro de estética a unha parella de agricultores, un restaurador…

“Esta é a campaña municipal máis ambiciosa ata o momento, as anteriores tiveron moito éxito e queremos seguir apelando á responsabilidade individual para que as nosas rúas sigan con vida e para que superemos xuntos esta crise sanitaria e económica, por iso queremos poñerlle cara aos nosos veciños comerciantes”, insiste o rexedor.

O Concello de Nigrán xa ten elaborado e difundido con anterioridade un decálogo que enumera os motivos para mercar no municipio: “Porque xuntos venceremos esta crise. Porque somos veciños. Porque cando todo isto pase seguiremos mantendo as rúas con vida. Porque axudas as persoas emprendedoras e xeras emprego. Porque a riqueza se queda no pobo. Porque evitas maiores desprazamentos e resulta ecolóxico. Porque aínda que agora o tape a máscara, sempre temos un sorriso de agradecemento. Porque ti nos importas”.