Chandebrito 1807 colabora na mellora de inmobles para combater impactos paisaxísticos na parroquia

A Asociación “Chandebrito 1807” apoiará e axudará na solicitude de subvencións para actuacións para a corrección de impactos paisaxísticos a aquelas persoas interesadas que teñan inmobles na parroquia de Chandebrito. O prazo de solicitude remata o vindeiro luns día 31 de maio.

As actuacións (adaptadas aos criterios da Guía de cor e materiais de Galicia) que poden ser obxecto de axuda son: Revestimento ou pintado de paredes medianeiras vistas; de fachadas de ladrillo ou bloque de cemento sen revestir; Renovación do acabamento exterior das fachadas de edificacións que supoñan un impacto paisaxístico; Remate exterior de cubertas de pranchas de fibrocemento, mediante a instalación de tella; Acondicionamento e mellora de peches de fincas de gran dimensión (adaptadas aos criterios da Guía de boas prácticas de caracterización e integración paisaxística de valados); Revestido de muros de cerramento de parcelas con bloques de formigón, con fábrica de pedra semellante á cachotería tradicional; Substitución de celosías e de pezas prefabricadas de cerámica ou de formigón, en cerramentos, por solucións diáfanas ou sebes vexetais.

Ademais, esta Asociación concederá unha axuda complementaria no caso de que as persoas interesadas non poidan completar a obra cos seus medios, para poder rematar tellados, recebar ou pintar fachadas, portas, fiestras, etc. Segundo afirma Carlos Gómes, voceiro desta Agrupación fundada no ano 2007, con esta actuación ponse un grao de area co obxectivo de mellorar tanto o aspecto como as prestacións dos inmobles dos nosos núcleos rurais, contribuíndo a unha imaxe máis idónea da contorna. Máis información na páxina web www.chandebrito1807.blogspot.com.