A Fundación Menela inicia en Panxón a súa primeira etapa do Camiño pola Costa

Un grupo de usuarios do Centro Castro Navás da Fundación Menela (Priegue) iniciou esta mañá en Panxón a súa primeira etapa do proxecto “Xacobeo Autismo. Un Camiño de todos”, acompañados de persoal especializado e de boa parte do goberno local de Nigrán. O grupo comezou a súa andaina desde o paseo marítimo de Panxón para chegar a Coruxo e, en outras cinco etapas máis (Vigo, Teis, Redondela e Arcade) agardan alcanzar Pontevedra o 27 de maio. O Concello de Nigrán apoia novamente esta segunda edición mediante unha subvención directa de 4.000 €.

“Volvemos sentirnos peregrinos. O facemos con moita ilusión, con ganas de implicarnos nunha vivencia que cambia a rutina do noso día a día (…) e anima a deixar atrás longos meses de restricións”, sinalou ao inicio Luís Eduardo González, usuario do Centro Castro Navás, quen confesou que botarán de menos a moitos compañeiros de diferentes entidades e centros que si os puideron acompañar no 2019 no Camiño de A Guarda a Nigrán e que este ano, por motivos de seguridade sanitaria, non estarán. “Esperámolos coa mirada posta en 2022”, sinalou en referencia a esa terceira edición, na que está previsto que alcancen Santiago. Igualmente, alumnos do CEIP Humberto Juanes mandáronlles un vídeo de ánimo e o grupo seguirá recibindo apoios “virtuais” ao seu paso por cada municipio.

“Desde o Concello estamos encantados en colaborar con esta iniciativa á que xa nos sumamos no 2019 porque estamos plenamente concienciados coas necesidades especias das persoas con trastorno do espectro autista. Un Camiño accesible cognitivamente é tamén parte do noso programa ‘Un Nigrán para Todos’ no que participa a Fundación Menela, así que estamos moi orgullosos de que Nigrán, na súa variante do Camiño pola costa, sexa o punto de partida nesta edición”, incidiu o alcalde, Juan González, na presentación.

Ao abeiro do programa desenvolveranse outras accións complementarias que o enriquecen e o enchen de valor. Así, recoñecerase o labor e dedicación dos profesionais fronte a crise sanitaria e, adicionalmente, contribuirase na accesibilidade do Camiño Portugués da Costa mediante a sinalización de espazos con pictogramas (albergue de Pazo de Pías na Ramallosa, entre outros).