39.600 persoas convocadas a vacinarse no IFEVI esta semana

O Sergas continúa co proceso de vacinación masiva na Área Sanitaria de Vigo e esta semana, desde hoxe mesmo e ata o próximo domingo 16, están convocados a vacinarse no IFEVI 39.600 persoas. Como novidade, no día de mañá xa se inicia a inmunización aos menores de 59 anos. O resto, son os grupos etarios de 60-69 anos e de 70-79 (a estes últimos se lles administrará segundas doses).

Ademais, esta semana rematará a pauta completa da vacinación a domicilio dos grandes dependentes. Neste senso, este proceso baterá hoxe un récord xa que profesionais de enfermaría de primaria e hospitalaria achegaranse a 869 domicilios. Para isto organizouse un amplo despregue loxístico no que 35 profesionais sairán desde o IFEVI en senllos taxis ás 16.00 horas.