Anuncios
Ticker de novas

O III Vertiatlón Solidario achega máis de 5.400 euros á Escola de Vela Adaptada do Monte Real

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Foto de familia do III Vertiatlón Solidario.

Baiona viviu esta tarde con gran expectación a celebración da terceira edición do Vertiatlón Solidario, unha competición organizada con fins benéficos e o principal obxectivo de recadar fondos para a Escola de Vela Adaptada para persoas con discapacidade do Monte Real Club de Yates.

Varias praias e rúas da vila mariñeira acolleron as tres probas do tríatlon sprint que, desde as catro da tarde e ata pasadas as seis, disputáronse os máis de 200 atletas chegados desde diferentes puntos do país.

Os máis rápidos en completar os 750 metros a nado, os 20 quilómetros en bicicleta e os 5 quilómetros a pé foron os deportistas do Olímpico de Vedra, Jacobo Crego e Aida García, logrando ambos os dous tempos espectaculares.

Empregaron unha hora e unha hora e trece minutos respectivamente en completar o percorrido completo e lograron subirse ao máis alto do podio de gañadores da categoría xeral.

Aida García logrou tamén a vitoria na categoría de veterana feminina, na que Andrés López, do Tríatlon Vilagarcía Atenas Running levou o máximo premio masculino.

Na categoría júnior os gañadores foron María Lois, do Arcade Inforhouse Santiago; e Jorge González, alumno de vela do Monte Real Club de Yates. E en cadete impuxéronse Marta Rial e Marcos González, ambos os dous do Tríatlon Mar de Vigo.

Entregáronse, ademais, premios aos mellores clasificados censados en Baiona, que foron Sandra Santodomingo e David Giráldez, do Atletismo Baiona.

Unha vez finalizada a repartición de premios aos gañadores, na que participaron, entre outros, o alcalde de Baiona, Ángel Rodal; o xefe provincial de deportes en Pontevedra, Daniel Benavides; e o presidente do Monte Real, José Luis Álvarez; produciuse un dos momentos máis esperados da xornada, a entrega do cheque de 5.410 euros que permitirá darlle un novo impulso á vela adaptada en Galicia.

O conselleiro de MAPFRE, Luis Larramendi, foi o encargado de entregarllo, cunha gran ovación do público asistente, ao vicepresidente do Monte Real Club de Yates, Alejandro Retolaza, un dos principais impulsores da iniciativa solidaria, organizada polo propio club coa colaboración do concello de Baiona e o patrocinio de Verti Seguros. Foi o propio Retolaza o que anunciou que no Monte Real vanse poñer xa ao choio para preparar a cuarta edición do Vertiatlón, que se celebrará en 2018 co mesmo obxectivo, o de recadar fondos para a Escola de Vela Adaptada do club.

Creada no ano 2012 baixo o lema de “Vela para todos”, a escola ten como principal obxectivo achegar ao mar a persoas con diversidade funcional, para que poidan navegar en igualdade de condicións, en instalacións sen barreiras e a bordo de barcos adaptados. O traballo realizado desde entón fixérona merecedora, entre outras distincións, de varios recoñecementos tanto a nivel nacional como internacional.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

 

Anuncios