Baiona finaliza a reconstrución dun muro de contención no Camiño Lameiriño de Belesar

O Concello de Baiona culminou os traballos de mellora da accesibilidade no Camiño Lameiriño, na Granxa, en Belesar. A obra, financiada a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e con fondos propios do consistorio baionés, foi adxudicada a Construcciones Vale S.L., por 23.586,28 euros.

Trátase da reconstrución dun muro de contención que se derrubou hai algúns anos, e desde entón representaba un perigo para as familias que residen nesta zona, xa que dificultaba o acceso á súa vivenda. No proxecto de mellora da accesibilidade tamén se contemplou o arranxo e asfaltado do viario.

Desde a Concellería de Vías e Obras, Óscar Martínez, lembra que o goberno municipal traballa para buscar solucións e mellorar as condicións dos veciños e veciñas das parroquias. “O noso deber é que as veciñas e os veciños de Baiona teñan acceso aos mesmos servizos, independentemente do lugar no que residan”.

Pola súa banda o Alcalde, Carlos Gómez Prado, destaca que “a mellora da accesibilidade e mobilidade de diversos barrios, o arranxo de viarios, o asfaltado de vías e a recuperación de espazos, forman parte das obras que puxemos en marcha para continuar coa nosa intención de seguir poñendo en valor as nosas parroquias, sempre co obxectivo de mellorar o día a día da cidadanía. Proxectos que nacen das demandas que nos trasladou a cidadanía a través da participación cidadá”.