A Deputación humanizará o cruce que conecta o centro de Gondomar con Peitieiros, Chaín e Morgadáns

O cruce que conecta o centro de Gondomar coas estradas provinciais que dan servizo ás parroquias de Peiteiros, por unha banda, e Chaín-Morgadáns, pola outra, será humanizado cunha gran transformación que vai acometer a Deputación en convenio co Concello de Gondomar e que vai supoñer un investimento de 271.769 euros. A zona foi visitada hoxe polos deputados Gregorio Agís e Iria Lamas, xunto co alcalde Francisco Ferreira. A actuación inclúe, ademais, o redeseño da rotonda na que as estradas conflúen coas rúas de San Bieito e do Emigrante, onde se rexistra unha elevada densidade de tráfico.

A obra, que está en proceso de licitación, será adxudicada pola Deputación durante os próximos días, dado que o prazo de presentación de ofertas xa rematou. O convenio contempla unha achega dun 70% pola Deputación (190.000 euros), mentres que o restante 30% (81.500 euros) procede do Concello, ao incluír a construción de servizos urbanos, como unha nova beirarrúa pola marxe da estrada de EP-2301 (a Chaín), unha zona de carga e descarga na EP-2301 (Peitieiros) e a reordenación das paradas de autobús.

Gregorio Agís destacou que mellórase “un punto complexo para o tráfico porque reordena o arranque das estradas provinciais, que saen en paralelo e comunican con parroquias cunha alta densidade de poboación”. A obra “estira” a zona urbana, dando un tratamento de lastra de granito ao pavimento e incluíndo pasos de peóns sobreelevados (con granito escuro), o primeiro para cruzar as estradas e o segundo xa rúa de San Bieito antes da rotonda. Ao tempo, engadiu, a rotonda vai ser reformada para darlle maior presenza, creando unha base remontable no seu perímetro ao obxecto de permitir o xiro na circulación de vehículos articulados e autobuses.

As novas beirarrúas ao comezo da estrada a Chaín-Morgadáns terán un ancho de ata 2,5 metros cumprindo cos criterios do Decálogo de Actuacións da Deputación en estradas provinciais e inclúen tamén a renovación da rede de iluminación pública, soterrando o cableado, e a dotación de rede de recollida das augas pluviais. Para garantir unha correcta accesibilidade ata a parada de autobuses ao longo da nova beirarrúa realizarase un muro de contención dende o comezo da estrada, e para integralo na nova configuración urbana quedará recuberto cunha pantalla vexetal. A parada do transporte público tamén será reformada para adaptala á normativa.

“Investimentos como nunca en Gondomar”

Francisco Ferreira destacou a colaboración da Deputación, que en menos de 6 anos investiu “como nunca se investira en Gondomar en infraestruturas, parques infantís, instalacións deportivas e un longo etcétera”. Ferreira cualificou o arranxo desta intersección das estradas provinciais co centro urbano como un dos “proxectos estrela” porque resolve o cruzamento por parte dos peóns e tamén os xiros do tráfico pesado. “É unha obra que dá categoría a toda esta zona e prosigue a transformación de todo o concello”. Ademais destacou que 0 30% que o Concello de Gondomar achega á obra procede do Plan Concellos “polo que, ao final, á veciñanza de Gondomar esta obra non lle supón ningún custe grazas ao financiamento regrado da Deputación”. “Hai un antes e un despois grazas a esta colaboración entre a Deputación e os concellos, xuntos seremos quen de facer un concello con servizos renovados, grande e forte nunha provincia grande e forte”.

A Deputación de Pontevedra leva investidos máis de 9,2 millóns de euros en Gondomar dende que en 2015 cambiou o Goberno provincial. Este financiamento permitiu a Gondomar executar preto dunha vintena de obras en rúas, camiños, saneamentos e acondicionamento de equipamentos e dotacións municipais. Ademais, o Plan Concellos fixo posible a contratación de máis de 90 persoas desempregadas para traballar en servizos municipais. Neste tempo, a Deputación acometeu tamén cinco obras de seguridade viaria das estradas provinciais, entre as que destacan a pavimentación integral da estrada de Chaín-Morgadáns (406.000 euros) e a mellora no PQ 2+630 na de Peitieiros.