Unha ducia de asociacións galegas participaron este luns no primeiro Consello Asesor de Pacientes de Ribera Povisa, que nace coa finalidade de avanzar na mellora da relación entre o hospital e os pacientes e as súas familias.
Os representantes de Discamino, Afaga, Agaela, Apropark, AparVigo, Fademga, Anedia, Asteavi e Asearpo acudiron esta mañá a Ribera Povisa mentres que Afasal, Avempo e Asem optaron por conectarse vía telemática nesta primeira reunión. Durante a presentación, a directora de Enfermería, Cristina Serra, subliñou a importancia deste tipo de iniciativas, enmarcadas no obxectivo prioritario de achegar o hospital ao paciente. “Temos o convencemento de que este Consello Asesor de Pacientes establecerá áreas conxuntas entre Ribera Povisa e as asociacións, e que se constituirá nun fundamental foro de participación do que nutrirnos mutuamente”, subliñou.
En concreto, este órgano centra o seu obxectivo en comunicar as necesidades que xorden por parte dos pacientes e as súas familias, informar sobre programas que se realizan nas distintas asociacións e fundacións, expoñer e realizar actividades novas que melloren a asistencia e propoñer novas ideas, peticións e reclamacións entre as propias asociacións e entre estas e o hospital.
O Consello Asesor de Pacientes, que se reunirá periodicamente, actuará como unha estrutura que permita incrementar a calidade dos servizos sanitarios, fomentando a participación e facilitando aos pacientes e familiares información do seu interese. A través desta iniciativa, as asociacións participantes terán a oportunidade de coñecer de primeira man as liñas de traballo que se seguen en Ribera Povisa e, así mesmo, en cada reunión do Consello darase voz a unha asociación protagonista para que poida expoñer as súas necesidades e achegar as súas propostas.

