Gondomar sóbese ao autobús do Centro Dramático Galego

O Centro Dramático Galego e o Concello de Gondomar, arman unha oportunidade única para a cidadanía do municipio de asistir este sábado 8 de maio ao pase das 18:00 horas do espectáculo “Terceiro Acto”, no Salón Teatro de Santiago.

Xa está aberto o prazo de inscrición para as 50 primeiras solicitudes por rigorosa orde de chegada ata o venres 7 de maio ás 14:00 horas (ou ata cubrir prazas) no Departamento de Cultura, na planta baixa da Casa de Cultura de Gondomar, de 9:00 a 14:00 e no email cultura@concellodegondomar.gal.

O transporte, cortesía do CDG, será gratuíto, e a billeteira do espectáculo terá prezo amigo de 6 € por persoa que se pagarán o mesmo sábado.

Dirixida por Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez, reúne un elenco de facianas moi coñecidas para o público: Belén Constenla, Roberto Leal, Fernando Morán, Mabel Rivera y Eduardo R. “Tatán” protagonizan esta peza, que ofrece unha reflexión sobre a última etapa da vida e reivindica o papel das persoas maiores na sociedade actual.

Actores e actrices intégranse nas personaxes, que son eles mesmos, para compartir co público a súa memoria, os seus soños e as súas emocións nunha viaxe apaixonante ao través das historias dunha parte viva do teatro en Galicia.