“O goberno municipal do PSOE e Paco Ferreira planifican a morte gradual da Vila de Gondomar”

Diante da nova que hoxe publican diferentes medios de comunicación e nas redes sociais, segundo a cal o Alcalde de Gondomar e seu goberno están redactando un proxecto de peonalización da Praza de Rosalía de Castro, dende Manifesto Miñor queren facer pública a súa opinión ao respecto e a súa preocupación, “pois unha vez máis vemos como o Sr. Ferreira impón o seu criterio desprezando o máis elemental e mínimo diálogo cos posibles afectados, e xa non digamos cos grupos da oposición, dado que estamos a falar dunha zona complexa e que neste momento de inseguridades sociais e económicas, calquera fallo pode ter consecuencias nefastas e irreversibles para ducias de postos de traballo e de familias enteiras, comezando pola propia Praza de Abastos que non acaba de levantar cabeza malia ás promesas do Sr. Ferreira”.

Para Antonio Araújo, a nova ten toda a pinta de ser un “globo sonda do Sr. Alcalde, que non ten a valentía política de lle dicir aos veciños que vai pechar a Vila de Gondomar e convertela nunha vila morta. Moi bonita, pero morta”. “Con todo, agora xa di unha verdade: que a Praza da Paradela quedou como un espazo moi hostil e duro. Iso dixémosllo algúns dende o principio pero, segundo el a nosa opinión era froito da envexa. Daquela, trataríase de non cometer agora os mesmos erros e escoitar ás persoas que temos algo que dicir ao respecto”.

“Con este proxecto que anuncia D. Paco Ferreira deixa ás claras dúas cousas: a 1ª, que só pensa en si mesmo e nos vídeos e nas fotos que as inauguracións de grandes obras lles van proporcionar (a iso chámaselle megalomanía); e 2ª, que ao Sr. Alcalde o consenso cos veciños, cos comerciantes, cos grupos da oposición, etc, prodúcelle alerxia. Para el só valen as súas propostas e todo o demais non serve para nada”, lamenta Araújo.

“Falando do proxecto que anuncia nos medios, e que haberá que analizar con detalle cando nolo deixe ver (porque a transparencia non é virtude que practique o Sr. Ferreira), hai varias cousas que chaman a atención. O primeiro de todo que o Sr. Alcalde debería saber é que a Praza de Rosalía de Castro é a zona máis comercial da Vila, incluíndo nese espazo á propia Praza de Abastos. Hai comercios e tendas de todo tipo, locais de hostalería, bares, etc. En segundo lugar que os edificios que a delimitan carecen todos de aparcamento soterrado, e por último, que a solución da que fala para o tránsito rodado, levándoo pola beira do Río Zamáns, ademais de eliminar máis prazas de aparcamento, non é nin funcional nin medioambientalmente presentable”, asegura o voceiro de Manifesto Miñor.

“En resumo, o que nos propón D. Paco Ferreira é pechar definitivamente o centro da Vila de Gondomar á vida comercial e polo tanto á relación entre as persoas. Ao final teremos unha Vila dormitorio e cando queiramos mercar, saír de compras ou de tapas, non quedará outra que irmos a Baiona ou ás grandes áreas comerciais de Porto do Molle en Nigrán, etc. Insisto Sr. Ferreira: primeiro diálogo con veciños, comerciantes, técnicos e grupos da oposición, e segundo ver os modelos de vilas peonís que existen e funcionan perfectamente noutros lugares preto de nós como Valença, Vila Nova de Cerveira, etc. Creo que os veciños, comerciantes, autónomos, etc. da Vila de Gondomar temos que falar xa”, conclúe Araújo.

En breve Manifesto Miñor fará a convocatoria a comerciantes e veciños que se sintan afectados, para debater e poñer en común unha postura ao respecto que evite “a morte anunciada á que nos leva o Sr. Alcalde e seu goberno municipal”.