O alumnado do CEIP Plurilingüe de Belesar desfruta dunha xornada de bolos celta

Esta mañá o alumnado de Infantil e Primaria do CEIP Plurilingüe de Belesar desfrutou, por quendas, dunha xornada de bolos celta no campo da Estivada, enmarcada dentro do contrato programa subscrito polo centro “Promoción da actividade física en horario lectivo”. Nesta actividade colaborou a oito veces campioa de España Blanca Lago Misa, que estivo durante toda a xornada compartindo co alumnado a súa ampla experiencia, explicando e dando a coñecer aos distintos grupos as regras deste xogo para que, posteriormente, cada neno puidera practicar e gozar desta interesante actividade.

O alumnado de Educación Infantil estivo moi atento ás indicacións e prácticas dos seus compañeiros de Primaria, para logo desprazarse ao campo de fútbol anexo, onde puideron dar continuidade á proposta, desfrutando e compartindo coas súas mestras, distintos xogos tradicionais: bolos, corda, petanca… Con esta actividade preténdese poñer en valor os xogos da nosa contorna como ben cultural.