Apertura de solicitude de praza para o campamento urbano Gondoverán 2021

O Centro de Información á Muller (CIM) da Concellería de Igualdade de Gondomar, dirixida por Nuria Lameiro, informa que se pon en marcha unha nova edición do campamento urbano Gondoverán coa colaboración da Deputación de Pontevedra. O seu obxectivo é o de favorecer a conciliación da vida familiar e laboral durante o mes de xullo en horario de 9:00 a 14:00 horas con posibilidade de 8:00 a 15:00 horas, ao tempo que se potencia o desenvolvemento integral da nena/o a través dunha programación que combina o xogo con actividades creativas, culturais e coñecemento da contorna próxima, dende unha pedagoxía do lecer baseada na educación en igualdade e hábitos saudables.

Como novidade este ano poderase solicitar por quincena ou todo o mes completo. Contarase con 100 prazas para rapaces e rapazas que teñan o seu empadroamento no Concello de Gondomar nados entre os anos 2008 (non poderán facer 13 anos antes da finalización do campamento) e 2018 (deberán ter feitos 3 anos ao inicio do campamento) e cuxos proxenitores sexan persoas traballadoras en activo (por conta allea ou propia). En caso de quedar prazas libres serán admitidos/as doutros concellos, con preferencia de aqueles cuxos proxenitores ou titores/as legais sexan persoas traballadoras no municipio de Gondomar. Estas prazas serán adxudicadas por orde de entrega de documentación a través do Rexistro no Concello ou na sede electrónica.

A inscrición realizarase do 3 ao 13 de maio a través do Rexistro Xeral do Concello de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas ou ata as 23:59 horas do 13 de maio a través da Sede Electrónica. Para calquera dúbida as persoas interesadas poderanse dirixir ao CIM, na Casa da Cultura, no teléfono 986 389 355 ou no seguinte correo electrónico: aio@concellodegondomar.com