Telefónica ofrecerá conectividade de alta capacidade en contornas rurais e remotas

Telefónica anunciou hoxe que seleccionou a Nokia para levar a conectividade 5G e a fibra ata o fogar (FTTH) a máis persoas en España mediante a actualización da rede IP Fusión do operador con novos routers na rede de acceso e agregación.

Este acordo de equipamento e servizos permitirá a Telefónica ofrecer conectividade de alta velocidade aos particulares e ás empresas, especialmente en zonas rurais ou remotas e supón un paso máis no proxecto de arquitectura a longo prazo que posicionou os produtos de Nokia en todas as capas da rede IP extremo a extremo de Telefónica.

Deste xeito, a operadora despregará en España os produtos Nokia 7250 IXR, incluíndo o router de emprazamento celular 7250 IXR-e para o acceso e o 7250 IXR- R6 para a agregación. Ambos están deseñados especificamente para soportar nubes distribuídas (edge clouds) e así achegar as aplicacións aos usuarios finais para unha mellor experiencia do cliente.

Os produtos Nokia 7250 IXR tamén achegan soporte de extremo a extremo para protocolos avanzados de encamiñamento IP, como o encamiñamento por segmentos, que sentará as bases para o network slicing do 5G (fragmentado da rede) e proporciona un servizo automatizado, rápido e eficiente. Os produtos 7250 IXR tamén melloran a fiabilidade do servizo móbil ao proporcionar capacidades avanzadas de temporización, sincronización e calidade de servizo, que son fundamentais para o rendemento da rede móbil.

Coa incorporación destas solucións de Nokia, Telefónica continúa optimizando a súa rede para ofrecer unha conectividade de alta capacidade e calidade con ampla capilaridade en localidades rurais e remotas.

Nokia proporcionou as súas solucións IP para backhaul móbil (conectividade para estacións base), edge, core e peering (interconexión con outros operadores) como parte do proxecto IP Rede Fusión de Telefónica. O operador deseñou esta iniciativa como unha plataforma para incorporar servizos nunha única infraestrutura de rede, ofrecendo servizos de comunicacións avanzados e transformando a experiencia do cliente para os servizos móbiles, residenciais e empresariais.

Javier Gutiérrez, director de Estratexia e Desenvolvemento de Rede, Operacións e IT en Telefónica España, comentou: “as extensións de rede de Nokia axudarán a Telefónica a ofrecer un catálogo completo de servizos aos nosos clientes. Servizos como o streaming de vídeo e a multidifusión de vídeo en directo, incluída Movistar+, a plataforma de televisión de Telefónica; os servizos de voz e banda ancha da internet e unha serie de servizos empresariais estarán dispoñibles tanto a través da nosa infraestrutura de acceso fixo como de móbil, proporcionando unha maior cobertura de rede, en particular para zonas rurais e remotas”.

Vach Kompella, director da división de redes IP de Nokia, pola súa banda manifestou: “como un dos operadores máis destacados de Europa, Telefónica sempre coidou a modernización da súa rede, e a conectividade da rede de acceso é fundamental para o éxito. Coa súa rede IP de extremo a extremo xa completa, Telefónica pode levar novos servizos aos seus clientes máis rapidamente, proporcionar unha mellor garantía de servizo e anticiparse ao crecemento previsto pola evolución ao 5G e a computación distribuída. Estamos encantados de asociarnos con Telefónica para preparar o futuro”.