Sanidade ampliará o seguimento de contactos de casos positivos por covid até os 7 días

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, vén de informar da ampliación do sistema de rastrexo de contactos de positivos por covid-19, cuxa data de inicio pasará dos actuais dous días previos desde o último contacto coa persoas infectada, até os sete días.

Na procura de mellorar da detección precoz de novos casos, así como o seu illamento e estudio, o novo procedemento porase en marcha en 10 días, tras realizarse unha proba de pilotaxe que garantirá o seu correcto funcionamento. A nova estratexia de seguimento non se cinguirá estritamente á definición de contacto estreito, pois tamén se ampliará á busca daqueles contactos casuais que puidera terse reunido coa persoa con resultado positivo. Do mesmo xeito, a detección de novos casos tamén se estenderá a ámbitos sociais concretos, como pode ser o laboral, o educativo ou aos establecementos de lecer.

O responsable de Sanidade apuntou que a comunidade galega “continúa a manter unha situación epidemiolóxica estable, a pesar da leve reputa de casos positivos das últimas datas”. Así, salientou que o cumprimento das medidas hixiénico-sanitarias e o avance no proceso de vacinación están a derivar nunha cuarta onda de menor intensidade.

No que atinxe ao proceso de vacinación, García Comesaña explicou que “Galicia xa superou o millón de doses administradas e, un total de 272.774 galegos e galegas xa completaron a súa de vacinación”. De acordo aos diferentes grupos de poboación, o conselleiro salientou que o 99% das persoas maiores de 80 anos xa recibiron algunha dose e que, o 75% deste grupo de idade xa conta coa pauta completa. Esta mesma porcentaxe, reflicte a cantidade de persoas con idades comprendidas entre os 70 e os 79 anos que xa recibiron alo menos unha dose. Pola súa banda, o 34,5% das persoas con idades entre os 60 e os 69 anos xa recibiron a primeira das doses da vacina; unha cifra que acada o 87% nos denominados grupos esenciais; e o 70%, no grupo de persoas con patoloxías de risco.

Sobre o subministro das vacinas, o titular de Sanidade anunciou que Galicia recibiu esta semana un total de 171.500 vacinas contra a covid-19. Nomeadamente, 143.900 doses de Pfizer, 14.500 de Moderna, 5.900 de Astrazeneca e, 7.200 dosis de Janssen, neste caso, a metade das comprometidas polo Ministerio de Sanidade, e que chegarán na xornada de hoxe á comunidade galega.

Con estes viais, abundou, a Xunta de Galicia continuará co Plan de vacinación fixado para esta semana, estando prevista, xunto coa vacinación en centros sanitarios, a administración de máis de 74.000 doses en recintos masivos. Sobre este particular, o conselleiro detallou que tamén se continúa coa administración das segundas doses a un total de 33.000 persoas, así como coa vacinación de grandes dependentes en domicilio.

Acompañado pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, a responsable deste departamento apuntou que, no que atinxe aos datos epidemiolóxicos, Galicia conta cunha incidencia a 7 días de 49 casos (polos 95 casos que rexistra a media española); e unha incidencia a 14 días de 97,8 casos (fronte aos 233 da media de España). Durán explicou que a taxa de positividade na comunidade galega sitúase no 2,46% e que, o número de concellos sen notificar ningún caso covid nos últimos 14 días é de 138. Así mesmo, achegou que o número de municipios sen declarar ningún ningún novo caso positivo nos últimos sete días ascende até os 179.

Pola súa parte, o xerente do Sergas, José Flores, detallou que a situación asistencial dos centros sanitarios galegos “continúa na liña de estabilidade das últimas semanas con pequenas oscilacións diarias”, trasladando a súa satisfacción e optimismo. Así, destacou o traballo do conxunto de profesionais que desempeñan o seu labor no sistema público sanitario galego.

Intensificación dos cribados poboacionais

No que atinxe á realización de cribados entre a poboación, o titular de Sanidade subliñou que Galicia é nestes intres a “cuarta comunidade que más probas diagnósticas realiza”, poñendo en valor o esforzo realizados polos servizos de Microbioloxía, Enfermaría e as oficinas de Farmacia na procura de detectar novos casos positivos.

Neste senso, a semana pasada o Servizo Galego de Saúde realizou un total de 33.000 probas de diagnose, nas que detectou 56 casos positivos. Ademais, García Comesaña tamén informou que entre os días 26 de abril e o 3 de maio, 52.700 galegos e galegas están chamados a participar esta semana nos cribados programados pola Dirección Xeral de Saúde Pública e as diferentes Xefaturas Territoriais que integran o sistema sanitario galego.

Niveis de restricións nos concellos galegos

O comité clínico que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia provocada pola covid-19, acordou o establecemento do nivel máximo de restricións nos concellos de Vilanova de Arousa, Cualedro e Carballeda de Valdeorras.

Así mesmo, determinou o nivel alto de restricións nos concellos de Petín, Muíños, Verea, A Merca, Meira, O Grove, Ribadumia, Marín, Meaño, Meis, Ponteareas, Salceda de Caselas, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Cambre e Coristanco.

Ademais, as medidas do nivel medio rexerán nos termos municipais de Lobeira, Lobios, Verín, Cartelle, Xinzo de Limia, O Barco de Valdeorras, Trabada, Barreiros, Chantada, Cambados, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa, Poio, Cangas, Gondomar, Vigo, O Porriño, Nigrán, Tui, Rianxo, Mesía, Carnota, Carral, A Laracha, Betanzos, Carballo e Ares.

No resto dos concellos galegos estarán vixentes as restricións fixadas no nivel medio-baixo.

Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas do vindeiro venres, 30 de abril.