O BNG realiza unha subida ao Galiñeiro por unha Serra libre de eólicos

FOTO: SOS GROBA // Recreación do parque eólico na Serra do Galiñeiro.

O Bloque Nacionalista Galego está a realizar diversas accións no marco da súa ofensiva política e social en contra do plan eólico do PP. Un modelo produtivista e de espolio contra o monte e que se está a promover sen participación nin transparencia. Dentro desa ofensiva, para este venres 30 de abril organizan unha subida á Serra do Galiñeiro para esixir a paralización do proxecto de instalación dun parque eólico nese enclave natural e demandar o incremento da protección ambiental da serra.

A organización nacionalista, que considera fundamental traballar canda os colectivos veciñais, ambientais e comunidades de montes para sumar forzas para frear de maneira definitiva o proxecto eólico, convida a veciñas e veciños a se sumaren a esta acción en defensa dunha Serra libre de eólicos.

Nesta acción participaran ás deputadas Carmela González e Alexandra Fernández, o deputado Luís Bará, a voceira do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, ademais de cargos institucionais e orgánicos das localidades da área, e estarán acompañados por unha representación da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Vincios, parroquia de Gondomar onde se atopa o treito da Serra onde o PP pretende emprazar os muíños.

A saída será ás 17.00h desde o Merendeiro do Galiñeiro (localización: https://goo.gl/maps/FyZwmQgiwNxXRjFn6). Recoméndase levar roupa e calzado cómodo.