Bronce para o Gondomar Acro Club no autonómico de acrobática

O pasado sábado celebrouse o campionato galego de ximnasia acrobática no pavillón municipal da ETEA do Concello de Vigo. O Gondomar Acro Club, tras longos meses de seca competitiva, presentábase a un campionato autonómico que levaba sen celebrarse desde abril do 2019.

O bronce conseguido por Nerea Gallego, Lia Hermida e Naiara Araujo, capitaneadas por Cris Castro, a súa adestradora e directora do club, sábelles a ouro, porque son conscientes de todas as dificultades que tiveron que superar para poder chegar ben preparadas á cita autonómica.

“Para min o reto era volver competir, de forma segura, e premiar o traballo das miñas ximnastas. Tiveron un comportamento exemplar durante toda a pandemia e teñen o ceo gañado. O apoio da Concellería de Deportes do Concello de Gondomar foi clave, sen a súa confianza nunca chegaríamos”, destaca Cristina Castro.

O club, en acordo coas familias decidiu non participar no campionato nacional para evitar posibles contaxios.

“Despois de levar todo a racha táboa preferimos actuar con cautela e centrarnos noutros obxectivos como reconstruír o equipo que tan mermado quedouse tras os devastadores efectos da pandemia. Desde hai unhas semanas contamos cun tapiz de adestramento e unha cama elástica cedida polo club Flic Flac de Vigo. A calidade dos nosos adestramentos está a verse multiplicada. Neste deporte, o investimento en material é clave, tanto para garantir a seguridade como para mellorar os resultados deportivos. Quero aproveitar para lembrar que a nosa matrícula de novos ximnastas a partir dos catro anos de idade está aberta. Pódennos contactar no email info@gondomaracro.com ou no teléfono 615028722”, conclúe a directora do club gondomareño.