Talaso Atlántico acolle en maio un encontro de oncoinfluencers portuguesas

Talaso Atlántico acolle do 3 ao 6 de maio OncoWeek, o primeiro encontro de oncoinfluencers de Portugal. En colaboración co Centro de Apoio ao Doente Oncolóxico do país veciño, o evento dará voz a unha ducia de mulleres, moitas delas pacientes de cancro, que contarán como se enfrontaron á enfermidade e a súa implicación para visibilizala e axudar a outras mulleres. Moi activas todas elas en redes sociais, é a primeira vez que se reúnen. Para iso elixiron Talaso Atlántico por ser un centro de talasoterapia fortemente involucrado no coidado aos pacientes de cancro con programas de tratamentos específicos supervisados polo director médico, Salvador Ramos.

Nos últimos anos, o hotel acolleu, ademais, o curso de verán da Universidade de Santiago de Compostela sobre oncoloxía integrativa, e polo que pasaron profesionais da talla de Mariña Pollán, directora do Centro Nacional de Epidemioloxía do instituto de Saúde Carlos III, ou Miquel Porta Serra, epidemiólogo e investigador do Instituto Hospital do Mar.

O permanente contacto con investigadores e outros profesionais médicos fixo do Hotel Talaso Atlántico, un centro de referencia en coidados de pacientes con cancro, labor que ademais comparte co país veciño ao colaborar cada ano no Encontro Ibérico de Oncoloxía.

Para a lisboeta Dulce Guerreiro, unha das oncoinfluencers participantes no encontro, “o cancro non é de cor rosa, non é fácil” pero son imprescindibles os “momentos de amor e tamén os momentos de humor”.