Gravan a dous xabarís “paseando” por Praia América

Elena Martínez, unha moza de Nigrán, gravou a noite do pasado venres co seu teléfono móbil a dous xabarís en Nigrán. Vive cos seus pais na Avda. de Praia América, moi preto da desembocadura do Río Muíños. “Ían tan tranquilos pola rúa e só ao escoitar ruídos botáronse a correr cara ás pistas de tenis”, conta Reyes, a nai da autora do vídeo.

Ao principio pensaron que eran cans, “pero eran moi grandes e asomámonos á terraza”. Explican que había moi pouca luz, e cando se deron conta de que eran xabarís, a moza sacou o móbil e inmortalizou o momento. Na gravación pódense ver aos dous animais pola estrada en dirección a Panxón.

Chamaron á Policía Local, e ao non obter resposta decidiron enviar o vídeo ao alcalde, Juan González. “É a primeira vez en 50 anos que vemos xabarís aquí, dinnos que probablemente baixasen desde a zona de Porto do Molle”, asegura Reyes, que se mostra sorprendida pola velocidade coa que se fixo viral o vídeo gravado pola súa filla.

🎥 VIDEO: Gravan a dous xabarís “paseando” por Praia América.

Publicado por Valmiñortv.com – O diario dixital de Baiona, Gondomar e Nigrán en Domingo, 3 de mayo de 2020