Detectados sete positivos no cribado masivo realizado polo Sergas en Gondomar

O Sergas continúa desenvolvendo a estratexia para realizar cribados poboacionais, mediante a realización da proba PCR, a persoas asintomáticas, e detectar aquelas positivas que non presentan síntomas clínicos. Neste contexto, a Área Sanitaria de Vigo invitou a 5.010 persoas de Gondomar a realizarse unha proba diagnóstica. Finalmente participaron 2.691, un 53,7%, que acudiron o pasado mércores ao Pavillón de Deportes da localidade para realizar a PCR. Detectáronse 7 casos positivos.

Esta decisión adoptouse dada a elevada incidencia da Covid-19 mantida nos últimos días. O obxectivo é captar ao maior número de persoas que estean infectadas pero que non presenten clínica, xa que supoñen un gran risco para a saúde pública; ao ter un bo estado de saúde, continúan desenvolvendo a súa vida habitual e, polo tanto, poden ser potenciais contaxiadores e estar contribuíndo á expansión do virus.

Trátase de continuar desenvolvendo iniciativas que permitan incrementar a capacidade diagnóstica da área para facer fronte a pandemia da Covid-19. En vez de esperar a aparición de pacientes con síntomas, efectúase unha acción proactiva de busca e identificación dos asintomáticos, para controlar o antes posible os brotes da enfermidade.

Participación voluntaria

A Área Sanitaria de Vigo oferta participar nestes cribados a aquela poboación que cumpra determinados requisitos: estar no rango de idade entre 18 e 60 anos; non ter realizada unha proba PCR nas últimas 2 semanas; e dispor dun teléfono móbil rexistrado no sistema de avisos “Lembra” que autoriza ás autoridades sanitarias a enviar notificacións a través de mensaxes SMS.

As persoas seleccionadas son contactadas polo Servizo Galego de Saúde e invitadas a realizarse a proba diagnóstica PCR. A súa participación é completamente voluntaria. Se deciden aceptar, se lles facilita unha cita -con día e hora- para achegarse ao dispositivo sanitario habilitado, no que se lle toma unha mostra nasofarínxea para o seu procesamento.