A Triple Corona Illas Atlánticas abre as inscricións da terceira proba de natación

A organización da proba de natación da Triple Corona Illas Atlánticas abre hoxe luns as inscricións da terceira travesía a nado entre a illa de Ons e Combarro (Poio), de 23 km de distancia, que está previsto que se celebre o 4 de setembro en augas da ría de Pontevedra se a situación sanitaria permíteo. A proba, que tivo que aprazarse o pasado ano debido á pandemia, está considerada unha das travesías máis duras de España pola súa distancia pero tamén polas dificultades que entraña esta ría: a temperatura da auga, as correntes en contra da dirección da carreira, o vento e a ondada.

As inscricións comezarán hoxe luns 26 de abril para os nadadores que completaron as dúas probas anteriores disputadas en 2018 e 2019 (105 nadadores en total) e, a partir do 3 de maio, estarán dispoñibles para o resto de participantes ata completar as 120 prazas, número que a organización tivo que reducir este ano para garantir a seguridade dos deportistas. As inscricións poderán formalizarse ata o 1 de agosto a través da páxina web http://www.championchipnorte.com.

A proba de natación sairá desde a praia de Area dos Cans na illa de Ons, pasará pola praia de Silgar, en Sanxenxo, percorrendo toda a costa ata chegar á praza da Chousa, en Combarro (Poio) onde estará situada a meta.

A organización da proba aplicará un estrito protocolo sanitario para garantir a seguridade dos participantes, protocolo que deberán aprobar á hora de inscribirse na proba.

Así mesmo, durante a travesía despregarase un amplo dispositivo de seguridade, dirixido por Carlos Agra, contramaestre do Real Club Náutico de Sanxenxo. A proba conta co patrocinio da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra-Turismo Rías Baixas, Concello de Poio, Abanca, Head Swimming, M+Q España, Galicia Calidade, Gadis, Mancomunidade do Salnés e Arraianos Produccións, entre outros. Ademais colabora o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, Powerade, Frutas Sol, Real Club Náutico de Sanxenxo, Mosteiro de Poio, Adegas Val Miñor, Iberia, Ángel Leirós, Yamaha, Belagua Edicións, Clubnatacion.com, Boyer Triathlon Vigo, Kailúa, Confraría de Pescadores de Raxó e o Club Mariño A Reiboa de Combarro, entre outros.

Alberto Taboada e Andrea de la Hera, líderes na clasificación provisional

O nadador ourensán Alberto Taboada Vila encabeza a clasificación provisional da Triple Corona Illas Atlánticas cun tempo total de 6:33:42 (sumados os tempos das dúas probas anteriores), seguido moi de preto polo catalán Sergio Torres Serrano (6:36:20). O terceiro clasificado é o galego Manuel Regueiro Picallo (6:37:29). Na categoría feminina, a primeira clasificada provisional é a biscaíña Andrea de la Hera Martín (6:38:04), que ocupa o cuarto posto absoluto, seguida de Patricia Agüera Fernández (7:38:25) e María Fernández Bagüés (8:11:25).

A Triple Corona Illas Atlánticas é un reto de carácter competitivo que consiste en tres probas de natación de 15, 19 e 23 km, cun percorrido total de 57 quilómetros, que se disputan entre 2018 e 2021 en augas das Rías Baixas (Vigo, Arousa e Pontevedra). Este evento deportivo consolidouse como unha das citas máis importantes a nivel nacional dentro do calendario de natación de augas abertas. Cada unha das tres travesías sae dunha illa do Parque Nacional das Illas Atlánticas: Cíes, Sálvora e Ons, respectivamente.

A primeira das tres coroas, de 15 km, tivo lugar en 2018 entre as illas Cíes e Baiona cun total 145 participantes. A segunda, en setembro de 2019, tivo que modificar o seu percorrido orixinal entre a illa de Sálvora e O Grove e realizar o alternativo de 13 km entre O Grove-O Grove A última, a máis longa con 23 km, arrancará da illa de Ons e finalizará en Combarro, o 4 de setembro de 2021. Será a última proba da segunda edición da Triple Corona Illas Atlánticas. A duración media desta última travesía estará por encima das oito horas, o que pon de relevo a enorme esixencia desta travesía. Será unha das probas máis longas de Europa.

Os obxectivos deste reto son poñer en valor a riqueza natural das Illas Atlánticas, promocionar as Rías Baixas e converter este desafío deportivo nunha das probas de natación de referencia en España e Europa.

O perfil medio do participante é o dun experimentado deportista que está afeito nadar travesías de longa distancia (máis de 10 km), e que conta cun excelente estado físico e forza mental para afrontar un reto destas características. Vento en contra, correntes, ondada, baixas temperaturas na auga e a dureza do océano aberto serán algúns dos elementos adversos aos que terán que enfrontarse os participantes en cada travesía. Os participantes da terceira proba deberán acreditar que participaron nunha travesía de polo menos 12 km nos últimos catro anos.

O custo da inscrición da terceira proba é de 195 euros e inclúe: participación na travesía, traslado en barco desde Combarro á illa de Ons, camiseta conmemorativa, gorro e bolsa, agasallos, cronometraxe electrónica por chip, cea, avituallamento sólido e líquido durante e despois da proba, seguro de responsabilidade civil e de accidentes, atención médica, placa conmemorativa para os nadadores que logren finalizar a travesía, apoio con embarcacións e kaiaks, balizado, material hixiénico (xeles e máscaras) e premios para os tres primeiros clasificados absolutos na categoría masculina e feminina e ao nadador máis novo e máis veterano. Ademais, entregaranse varios trofeos e agasallos aos nadadores que finalizasen as tres travesías e completado o 57 km en tres anos.

A Triple Corona Illas Atlánticas está organizada pola o empresa Atlantic Extreme Sports e o Club deportivo Tumetapersonal, organizadores da Travesía a nado Costa Serena, en Nigrán, que o ano pasado reuniu en Praia América a máis de 400 nadadores.