O Juan María organiza o seu II Concerto Benéfico co obxectivo de recadar 10.000 €

O Centro Juan María presentou este venres o seu segundo concerto benéfico, que se celebrará o vindeiro domingo 12 de maio ás 12:00 horas no Pazo de Cea de Nigrán, no que volverán contar coa Orquestra Clásica de Vigo. Este ano tamén haberá un concerto do grupo “Eladio y los seres queridos”, e como padriño de cerimonias de luxo, terán a David Amor.

Os fondos recadados nesta segunda edición irán destinados ao proxecto “Dereito a comer con pracer”, que consiste en ofrecer alimentos triturados/texturizados que garantan unha alimentación segura e eficaz, gozar da comida e experimentar as mesmas sensacións que o resto de persoas. Con esta nova maneira de preparar os alimentos poden preservar as cores e sabores por separado, do mesmo xeito que lles posibilita dar forma ao alimento en cuestión e conservar así o aspecto visual do prato. Para poñelo en marcha necesitan 10.000 €.

“O I Concerto Benéfico Juan María foi un soño feito realidade, un evento moi especial para nós, onde mostramos todas as nosas capacidades, gozamos, rimos, puxémonos nerviosas… pero… que é a vida sen emocións? Sen a axuda de todas as persoas que colaboraron sería imposible”, sinalou unha das usuarias do centro. “Ensinámoslle ao mundo de todo o que somos capaces. Confiaron en nós, axudáronnos, asistiron, colaboraron, toleraron erros e gozaron connosco dos acertos. Conseguimos os obxectivos propostos: demostrar o que valemos e o diñeiro para os dous guindastres de teito que necesitabamos”, engadiron.

Os mozos e mozas do Juan María encargaranse da montaxe, pegada de carteis, venda de entradas, cátering, acomodación, parking, cociña, reportaxes fotográficas e de vídeo, entrevistas, limpeza… e tamén mostrarán a súa arte encima do escenario. “É unha oportunidade para nós e para toda a xente que decida compartir este día de festa, traballo e emoción”.

As entradas para o concerto terán un prezo de 20 € (entrada infantil ata 12 anos 5 € e menores de 3 anos gratis) e poderán adquirirse no Centro Juan María (R/ As Agullas, 12, Parada-Nigrán), Pazo de Cea (Camiño de Cea, 1, Nigrán), Cafetería Venus (Avda. Val Miñor, 2, Nigrán), Farmacia Loperena de Saa (R/Julián Valverde, 6, Sabarís), Farmacia Loperena (Avda. Monterreal, 2, Baiona), S4 Asesoría (Avda. Elduayen, 22, Gondomar) e Bar Le Monde (R/ Urzáiz, 29, Vigo).

Os que non poidan asistir pero desexen colaborar poden facelo a través da FILA 0.

O Centro Juan María

O Centro Juan María é unha asociación sen ánimo de lucro con máis de 30 anos de historia e enfocada no apoio, atención, formación e desenvolvemento de persoas con discapacidade intelectual co fin de conseguir a súa inclusión real en todos os ámbitos da sociedade.

Integrada e coordinada polos pais e nais dos usuarios, presta servizos de gran valor social a máis de 100 familias con membros que presentan altos niveis de discapacidade intelectual.

Declarada “Entidade de Utilidade Pública” no ano 1986, financiándose, desde entón, grazas á colaboración económica tanto de familias como de institucións de carácter público e privado, centra a súa actividade na provincia de Pontevedra, atendendo a persoas de Nigrán, Baiona, Gondomar, Mos e Vigo.

Dispoñen de tres centros dos que a Asociación é titular: Centro Educativo, Centro Ocupacional e Centro de Día.

Anuncios