Os baioneses David González, Anxo Uzal e Cristian Suárez, campións galegos júnior

O Club de Loita Sabarís proclamouse segundo mellor equipo de Galicia no Campionato Júnior, nas modalidades de Loita Libre Olímpica e Grecorromana, que se celebrou este sábado en Vila de Cruces organizado pola Federación Galega de Loita en colaboración co Club de Loita Keltoi e o Concello de Vila de Cruces, cun total de 108 inscricións.

Os tres loitadores de Baiona David González, Anxo Uzal e Cristian Suárez proclamáronse campións galegos nas súas respectivas categorías, tanto en Loita Libre Olímpica como Grecorromana. Conseguiron as medallas de ouro en 61 kg, 66 kg e 78 kg respectivamente. Lois Cabreira de Gondomar non obtivo medalla.

Na categoría escolar, Pedro Fernández proclamouse subcampión galego tras perder por poucos puntos a final contra o actual Campión de España. Donís Fernández obtivo a medalla de bronce.

A seguridade e os protocolos COVID rexeron todas as competicións, establecendo un marco único de seguridade para todos os participantes. A obrigatoriedade de facer os test de antíxenos naseo-farínxeos, previos á competición, foron a gran novidade destes eventos. En total houbo 15 equipos que representaron as 4 provincias galegas neste torneo de máximo nivel autonómico.

Os campións galegos xa teñen pasaporte directo para os Campionatos de España júnior de Loitas Olímpicas para os próximos 1 e 2 de maio en San Agustín de Guadalix (Madrid).