A caída dun muro nun camiño de Morgadáns segue dificultando o paso aos veciños dous meses despois

Xa fai dous meses que os veciños advertiron tanto ao Concello de Gondomar como á Entidade de Morgadáns de que as pedras dun muro caeran sobre o camiño de Gonda e o Concello segue sen facer nada para liberalo deste obstáculo e sen garantir a seguridade dos veciños ante posibles caídas posteriores que se poidan producir. Ademais da incomodidade que supoñen as pedras no camiño engádese o deterioro que se produce no camiño debido a que a auga non pode baixar polo rego e o fai polo medio do mesmo.

Nunha pregunta feita sobre este camiño polo vocal do Partido Popular José Ramilo no pleno da Entidade Local Menor de Morgadáns, o presidente contestou que a conservación dos camiños é competencia do Concello de Gondomar e que polo tanto quen debe realizar a retirada das pedras e garantir a seguridade dos usuarios é o alcalde. Afirmou tamén que a Entidade xa puxera en coñecemento do Concello este derrube e que a Entidade non se atrevía a tocar no muro polo perigo que podería supoñer que caeran máis pedras do mesmo.

Por este motivo a voceira do PP de Gondomar vén de presentar por rexistro un escrito solicitando do alcalde que á maior brevidade posible retire do camiño as pedras que dificultan o paso, que garanta a seguridade dos usuarios do mesmo ante posibles caídas de materiais que se poidan producir e se arranxe o camiño polos danos producidos pola auga debido a que non podía pasar polo rego ao estar obstruído.