O alcalde de Nigrán estrea o seu cargo como vogal da Comisión de Cooperación para el Desarrollo da FEMP

O alcalde de Nigrán, Juan González, participou esta mañá telematicamente na primeira reunión de seguimento da “Comisión de Cooperación Para el Desarrollo” da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). O rexedor ostenta o cargo de vocal nesta comisión constituída o pasado mes de maio co obxectivo de aplicar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da axenda 2030 da ONU nas entidades locais. Precisamente, González asumiu neste segundo mandado no Concello de Nigrán a primeira concellería de Galicia baixo este cometido específico e preside desde 2015 o Fondo Galego de Cooperación e Desenvolvemento, ademais de ser vicepresidente dos Fondos de toda España tras ser presidente anteriormente.

“Nos próximos anos temos por diante o difícil, pero non imposible, reto de acadar tamén desde os concellos os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados pola ONU, e precisamente apostamos polo traballo en rede para conseguilo. Paralelamente, esta é a mellor imaxe que podemos proxectar de Nigrán cara ao exterior: un municipio que se preocupa polas diferenzas sociais e que asume responsabilidades a nivel nacional para loitar na erradicación das desigualdades dentro do seu propio territorio. Para o Concello de Nigrán é unha honra e unha oportunidade magnífica para aplicar estratexias específicas e tamén para dar a coñecer o noso traballo”, sinala González, quen desde sempre dedicou a súa traxectoria profesional á cooperación, dirixindo a Fundación Érguete durante 17 anos ou asumindo no goberno de Nigrán a carteira de Servizos Sociais nun primeiro mandato e de ODS neste segundo.